Imputan por prevaricación a práctica totalidade do goberno de Santiago

As e os edís que fan parte da xunta de goberno e que o 30 de maio aceptaron pagar con diñeiro público a defensa legal do concelleiro Adrián Varela, imputado na operación Pokemon, declararán o 19 de decembro en relación a un delito de prevaricación.


As e os sete integrantes do Goberno municipal de Compostela que fixeron parte da xunta local realizada o 30 de maio foron imputad@s por un delito de prevaricación. Na devandita xuntanza acordouse pagar con diñeiro público a defensa de Adrián Varela, concelleiro de Deportes e imputado na 'operación Pokemon' contra a corrupción política. No concreto, Varela terá que responder dos delitos de falsificación de documentos, tráfico de influencias e aceptación de subornos.

Da imputación librouse o rexedor, Ángel Currás, e a primeira tenente da alcaldía, Reyes Leis. Malia faceren parte do órgano de goberno imputado, non asistiron á sesión do 30 de maio.

O PP ve ''persecución política'' e di que ''reforza o goberno''

Así as cousas, foi a propia voceira do grupo municipal do PP compostelán, María Pardo, portavoz á súa vez da Xunta de Goberno, quen informou en rolda de imprensa de que @s sete edís recibiron un auto de imputación en virtude do cal terán que declarar o 19 de decembro no xulgado de instrución nº1 de Compostela por prevaricación. 

Ficando ela propia imputada, Pardo remarcou que a decisión adoptada naquela xunta de goberno "está axustada a dereito" e considerou que a imputación de todo o Executivo municipal responde "a unha persecución política clara" que "reforza o goberno" porque "a xente non é parva e ve como se xoga á política desde todas as frontes". 

Canda esta concelleira están tamén imputad@s @s edís Amelia González, Francisco Noya, Cecilia Sierra, José Luis Bello, María Castelao e Juan de la Fuente. É a segunda imputación para este último, concelleiro de Obras, quen está considerado tamén responsábel dun delito de falsidade documental en relación ao caso das facturas falsas que presentaban asociacións veciñais próximas ao PP compostelán para accederen a subvencións.

Imputad@s 10 d@s 13 concelleir@s en activo

Así as cousas, aos sete autos de imputación comunicados nesta terza feira cómpre acrecentar outros tres, todos no marco da operación Pokemon: contra o propio Varela; contra a edil de Educación, Rebeca Domínguez; e contra o alcalde, Ángel Currás.

Cumpriría engadir tamén o nome de Albino Vázquez Aldrey, ex-concelleiro de Seguridade Cidadá imputado na operación Manga, quen demitiu do cargo após declarar perante a xuíza de instrución, Pilar de Lara, quen decretou para el liberdade baixo fianza de 15.000 euros.

Tamén deixou o cargo o ex-rexedor municipal, Gerardo Conde Roa; imputado na mesma operación contra a corrupción, deixou o cargo en abril de 2012 ao ser acusado --e posteriormente condenado-- por non pagar a Facenda máis de 291.000 euros correspondentes ao IVE pola venda de 61 vivendas a través dunha promotora da cal é titular.

O edil pediu que o Concello lle pagase @s avogad@s

Foi o propio Adrián Varela quen solicitou que o Concello de Compostela --gobernado polo PP con maioría absoluta e onde están imputad@s 10 d@s 13 edís en activo-- se fixese cargo das facturas que carrexará a súa defensa legal. A solicitude foi aceptada ao entender que os delitos dos que está considerado responsábel producíronse como consecuencia das funcións que exerce no consistorio.

Así, o acordo aprobado en xunta de goberno dá luz verde a "que os gastos de representación e defensa procesual do concelleiro [...] sexa asumido polo orzamento municipal de acordo aos dereitos que como membro da corporación lle asisten [...]". Non se fixa, por tanto, ningún linde na partida destinada a tal efecto, abrindo a porta a que @s outr@s imputad@s procedan da mesma maneira que Varela e soliciten tamén cobertura legal con cartos públicos. 

O Tribunal Supremo ten sentenzado en prol de que as administracións públicas se fagan cargo da defensa de cargos públicos mergullad@s en procesos xudiciais, mais sempre e cando fiquen absolt@s de todos os delitos que se lles imputan.

Porén, no caso de Adrián Varela, a resposta favorábel chegou antes mesmo de que prestase declaración perante Pilar de Lara: a comisión de goberno deu o visto e prace o 30 de maio e o edil prestou testemuño o 17 de xuño. 

Comentarios