Imputan o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez

Actualmente ocupa un cargo no Consello de Contas de Galiza. Desde o PP din que non existe "incompatibilidade". 

Parlamento de Galiza
photo_camera [Imaxe Parlamento de Galiza]

O que fora conselleiro de Presidencia con Manuel Fraga e candidato do Partido Popular á alcaldía de Compostela, Dositeo Rodríguez, foi imputado esta segunda feira (1 de xuño) pola súa vinculación co despedimento de Tomas Cavanna que foi director xerente da Funcación Camilo José Cela. 

A citación xudicial chámao a declarar o 22 de xullo, un día antes faráo Marina Castaño, ex-presidenta de honra da entidade. 

As súas imputacións enmárcanse no proceso aberto por suposta malveración, estafa e apropiación indebida que atinxe a fundación que leva o nome do Premio Nobel. 

Nun comunicado remitido por Dositeo Rodríguez e que recolle a axencia de noticias Europa Press o ex-conselleiro explcia que a súa imputación responde a un presunto despedimento que tería sido "simulado e pagado con fondos públicos, sen consentimento das administracións que financiaban a entidade". Rodríguez sinala que a saída de Cavanna "foi validamente aprobado polo padroado da fundación" co "beneplácito" da Xunta no marco dun proceso de recortes contemplado no plano de viabilidade económica da entidade. 

O PP non ve "incompatibilidade" na imputación de Rodríguez porque a atribúe a un período de tempo anterior ao seu cargo no Consello de Contas

Desde a Xunta de Galiza tamén remitiron un comunicado no mesmo sentido que o ex-conselleiro, no que asegura que o cesamento do daquela director xerente era un "requisito imprescindíbel para garantir a viabilidade da Fundación". 

Pola súa banda, o portavoz parlamentar do Partido Popular, Predro Puy, asegurou en comparecencia de imprensa e en resposta aos medios que non existe "incompatibilidade" algunha entre a situación xudicial de Rodríguez e o cargo público que ostenta na actualidade como integrante do Consello de Contas de Galiza. 

Ora ben, acrecentou Puy, existen "motivos" para "observar" e facer un "seguimento puntual" da evolución do caso. Desde o PP sinalan que naquela altura Dositeo Rodríguez facía parte dunha entidade privada "con carácter individual e fóra do que é unha representación institucional". 

Comentarios