Un dos imputados por atrasar fármacos da hepatite C, novo xerente do Sergas en Ourense

Félix Ruibal, quen fora director de Asistencia Sanitaria e unha das persoas imputadas por homicidio imprudente por atrasar fármacos da hepatite C “con razóns orzamentarias” a seis pacientes que faleceron, é nomeado xerente do Sergas en Ourense.

Hepatite C
photo_camera Un dos protestos contra os recortes na administración de medicamentos para a hepatite C.

O até o de agora xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Ruibal, pasará a ocupar o mesmo cargo en Ourense. Unha mudanza que espertou na mañá da sexta feira o malestar do grupo parlamentar de En Marea, posto que o ex director de Asistencia Sanitaria fora un dos imputados por homicidio imprudente por atrasar fármacos da hepatite C “con razóns orzamentarias” a seis pacientes que faleceron.

“A consellaría debe dar explicacións ante o traslado do xerente imputado da área de Vigo á área de Ourense”, sinala Eva Solla nun comunicado de imprensa no que apunta que Ruibal “debería ter dimitido hai tempo”. O grupo parlamentar de En Marea lembra que denegou medicamentos a enfermos de hepatite c e que “foi absolutamente incapaz de ter o mínimo diálogo cos profesionais sanitarios”.

"Lonxe de solventar problemas, Ruibal xerou moitas dificultades nunha área sanitaria coma a de Vigo, que é a que sofre a peor precariedade laboral do persoal sanitario e as maiores listas de agarda de todo o conxunto do Servizo Galego de Saúde", engade Solla.

O Sergas anunciou que Julio García Comesaña, até o de agora xerente en Ourense, ocupará o mesmo cargo na EOXI de Vigo.

Comentarios