A imputación da número 2 de Negreira “é un asunto que non me quita o sono”, di Feijóo

O PP finxe que non pasa nada coa súa lista da Coruña, após trascender que a súa número 2, Rosa Gallego, acaba de ser imputada. Ciudadanos reiterou esta terza que non pactará con partidos que leven imputados nas súas listas. O BNG pede un código ético municipal

Carlos Negreira e Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Feijóo e Negreira


“Este asunto non me quita nin un minuto de sono”, dixo o presidente do PPdeG esta terza feira nunha entrevista en Radio Coruña.

A tese de Feijóo é que estamos perante unha incidencia administrativa sen maior importancia, vinculada á forma en que se sustancian as dedicacións exclusivas.

Gallego, número 2 da lista e edil de Interior, foi denunciada por “trato degradante” e “prevaricación” pola ex xefa do servizo de mobilidade do concello, Elena Álvarez Cortiñas, pola forma en que foi realizado o seu cesamento, producido tres meses antes da súa xubilación.

As pesquisas realizadas pola titular do xulgado de instrución número 8 da Coruña concluíron na imputación da número 2 de Negreira. Canda Gallego foi denunciada tamén -e tamén é agora imputada- Begoña Freire, concelleira de Mobilidade, e número 8 da lista do PP na Coruña.

Cumpre lembrar que Negreira xa non puido acudir a esta cita eleitoral da man do seu lugartenente, Julio Flores, vítima política da Operación Pokémon

Cumpre lembrar que Negreira xa non puido acudir a esta cita eleitoral da man do seu lugartenente, Julio Flores, vítima política da Operación Pokémon. Substituína por Gallego, posta agora tamén no foco xudicial.

A táctica do PP, en plena campaña eleitoral, é restar importancia ao asunto e cinxilo ao ámbito puramente administrativo. Negreira dixo: “É unha imputación sen percorrido”.

Oposición

Ao coñecerse a noticia os focos apuntaron o candidato de Ciudadanos na Coruña, forza política sen a cal Negreira non podería continuar no goberno. O ex UPyD Santiago Folla-Cisneros reiterou esta terza feira o consabido posicionamento do seu grupo político: non ter ningún acordo con formacións políticas que leven na súa lista imputados. “Mantémonos firmes”, dixo.

Por súa parte, a concelleira do BNG, María Xosé Bravo, tamén en declaracións a Radio Coruña, propuxo a elaboración dun código ético municipal que evite que “este tipo de cousas podan acontecer”. Un código, enfatizou, que debería ter “un control alleo, externo ao concello”, para que se puidese levar á práctica.

Mar Barcón, candidata do PSOE, apostou na cautela e dixo estar á espera de maiores explicacións por parte do goberno municipal. Xulio Ferreiro, pola Marea, enmarcou o episodio na vaga de corrupción que asolaga o PP.

Comentarios