O DíA DESPOIS DO BANQUETE DE CONXO 2.0

Impulso a unha candidatura para un “grupo parlamentar galego soberano”

Satisfacción, ilusión e alegría foron as palabras máis repetidas tras concluír o Banquete de Conxo 2.0, que acordou, entre outras medidas, o impulso dunha candidatura en aras da consecución dun “grupo parlamentario galego soberano”, que non responda a “dependencia” nin “obediencias” alleas a Galiza.

conxo
photo_camera conxo

O documento ao que tivo acceso Sermos Galiza recolle como obxectivos do Banquete de Conxo 2.0 a construción dun “gran movemento social, cívico e participativo” de cara a constituír unha “candidatura nacional galega de unidade”. Nesta candidatura confluirían “persoas, colectivos socias e forzas políticas galegas segundo o principio democrático de cada persoa un voto”.

Outro dos obxectivos fixados sobre o papel consiste en propor unha candidatura sen “ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega”. Para isto, recolle o documento, “debe posuír personalidade xurídica propia, en coherencia co suxeito político diferenciado -pobo galego- que representa”.

Ademais, o manifesto recolle como obxectivo a consecución dun “grupo parlamentar galego soberano nas Cortes” que defenda “o dereito radical democrático de Galiza a decidir” e o “combate contra as políticas neoliberais e reaccionarias” que atentan contra as “condicións de vida da maioría do pobo galego”.

“Galiza debe estar presente e ser actor relevante no escenario que poida abrirse no Estado”

No documento aprobado por unha práctica unanimidade, as persoas participantes no Banquete de Conxo 2.0 poñen de manifesto que “Galiza debe estar presente, e ser actor relevante no escenario que poda abrirse no Estado español”. “O momento político descobre novas posibilidades para o recoñecemento dos dereitos das nacións, que o noso País non pode desaproveitar”, engade.

O documento, que alude á situación de emerxencia social, á situación límite dos nosos sectores produtivos, á precariedade laboral, á mocidade, á problemática migratoria e demográfica e aos dereitos das mulleres, reivindica a dignidade do pobo galego.

“Precisamos máis que nunca unha ampla unidade cívica” co fin amosar a “capacidade” e os “intereses” do país, que se atopa diante dun “desafío histórico”. “Que ninguén dubide de que Galiza será capaz de reclamar soberanía e recoñecemento nacional. Galiza precisa existir politicamente con forza e voz soberana ”, indica o documento.

Membros da Coordinadora

Pola outra banda, a Asemblea do Banquete de Conxo 2.0 decidiu constituír unha Coordinadora integrada por Antía Paz, Alejandro Lorenzo, Sara Torreiro, Carlos Ares, Olalla Rodil, Suso Díaz, Paula Verao, Eliseo Fernández, Elvira Souto, Iago Lestegás, Ana Luis Bouza, Xavier Campos, Xosé Manuel Pereiro, Helena Pérez, Fernando Souto e Carlos Méixome.

 “Non foi fácil”, admite Xosé Manuel Pereiro

“Non era fácil”, admite en conversa con Sermos Galiza o xornalista Xosé Manuel Pereiro, un dos promotores do Banquete de Conxo 2.0, que congregou arredor de 400 persoas nun centro cívico que ficou pequeno. “Tivemos a mesma sensación que o 25 de xullo, é dicir, con independencia de que se cumpriran os obxectivos, todos e todas saímos con satisfacción e alegría”, salienta.

A dificultade do proceso residía, segundo Pereiro, no prazo escaso da convocatoria, pouco máis de quince días, e na confluencia de persoas de “distintas pólas”. “Había xente libertaria, de familias máis hard…”, exemplifica. Sinala que os debates “foron duros, pois participabamos entre 40 e 50 persoas”. “Malia isto, conseguimos chegar á conclusión en consenso e en práctica unanimidade”, subliña.

O promotor do Banquete de Conxo 2.0 recoñece a título de curiosidade que o asunto que máis debate xerou foi o do nome, mais insiste en salientar a boa sintonía do encontro, no que todas as persoas advertiron da necesidade de confluír. “Foi un acontecemento histórico” e “acordamos, con toda a diversidade que alí había, traballar por un grupo parlamentar galego soberano”, engade.

Sobre as próximas semanas, Pereiro sinala que se tratará de “seguir cara adiante”, co fin de estender o espírito do Banquete de Conxo 2.0 ao longo do país e “cara ao lado”, co fin de “tomar contacto cos outros movementos”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios