A imprensa conservadora pídelle ao PP que esclareza os pagamentos en negro de Bárcenas á súa cúpula

O escándalo feito público polo diario El Mundo sobre os sobresoldos que o ex-tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, tería pagado á cúpula do partido, callou forte na imprensa española.
photo_camera Capas xornais españois

Xornais de indiscutíbel afinidade coa formación que ostenta o Goberno, exixen á organización liderada por Mariano Rajoy que "aclare a verdade" sobre o caso "sen medias tintas".

Dúas décadas de pagamentos en B, con diñeiro procedente de comisións irregulares, converten o caso Bárcenas nun dos maiores escándalos de corrución. Nomeadamente porque afecta de maneira directa á medula espiñal do Partido Popular --cuxas filas gardan máis dunha persoa imputada. Porén, a información feita pública polo diario El Mundo esta sexta feira vai alén da prevaricación á que nos teñen acostumad@s e deita luz sobre prácticas continuadas que poderían ser constitutivas de graves delitos de estafa á Facenda pública, amais do pagamento indebido de sobresoldos a dirixentes políticos, entre os que se atoparía mesmo o ex-presidente do goberno, José María Aznar.

Malia que desde a secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, se nega a información publicada, argüíndo que non lle "consta de ningunha maneira" o pagamento de sobresoldos en diñeiro negro, o diario que dirixe Pedro Jota Ramírez alega que a noticia se basea en "cinco fontes solventes de sucesivas direccións do partido". Aliás, apuntan cara á máxima responsábel de organización do PP, a propia Cospedal, como unha das persoas que coñecía uns acontecementos supostamente iniciados hai 20 anos.

"Este costume procede da época en que Manuel Fraga presidía Alianza Popular", aseguran desde o diario español. Aliás, baten contra o ex-popular, Álvarez Cascos, como responsábel da "estandarización" desta práctica que se prolonga até a entrada de Mariano Rajoy como presidente do partido, e do Goberno.

Sen medias tintas

A imprensa española non demorou en se facer eco da información publicada por El Mundo, nas súas edicións dixitais. Diarios como ABC, que hoxe non dan a información en papel, ao ser unha exclusiva de El Mundo, si que dirixen, en troca, un duro editorial ao Partido Popular polas contas do ex tesoureiro en Suíza. O diario católico e dereitista ABC exixe á dirección do partido que aclare "sen medias tintas", toda a verdade arredor do "caso bárcenas".

"No PP non caben xa nin posturas de perfil nin manobras de distracción no caso Bárcenas", aseveran desde o diario español, ao tempo que critican con dureza o posicionamento adoptado desde a dirección política do PP. @s dirixentes da formación conservadora apresáronse a botar balóns fóra asegurando que as contas agochadas en Suíza polo ex-tesoureiro do partido non tiñan nada a ver co PP. "Bárcenas non está no partido e todo isto é un asunto persoal", alegan. Por súa parte, ABC xulga que "o impacto que tivo na opinión pública esta nova require que o partido no Goberno se poña á freonte de quen piden o esclarecemento total".

ABC exixe aliás unha investigación "con luz e taquígrafos" para esclarecer toda a verdade.

Pola súa banda, outro dos xornais de referencia da dereita española, La Razón, apura as súas páxinas dixitais para apoiar a defensa do Goberno e desmentir --como o fixo Cospedal-- calquera coñecemento dos supostos sobresoldos. Aliás, negan, segundo o comunicado feito público --sen precedentes-- polo Ministerio de Facenda, que Luís Bárcenas tivese empregado a amnistía fical aprobada polo goberno español para branquear 10 millóns de euros procedentes de Suíza.

Un despacho en Génova

Así as cousas, malia as negativas da dirección popular, a imprensa española asegura que Luís Bárcenas segue mantendo relación co Partido Popular, até o punto de posuír --segundo apunta El País-- un "despacho en Génova" con documentos, din, "que segue usando". Asemade, aseguran diversos diarios españois, Bárcenas tería chantaxeado a membros do partido á fin de procurar "axuda" fronte aos delitos que se lle imputan. No entanto, Cospedal sentencia, "o partido non aceptou ningunha chantaxe nin ningunha ameaza".

Comentarios