Análise

Implosión constitucional

"Dicíamos esta cuarta feira que os maxistrados do Tribunal Constitucional González-Trevijano e Narváez cesarían coa reforma suspendida no TC por 6-5 votos, incluíndo nos 6 os seus propios. UP e PSOE recusaron ambos os dous maxistrados por ter parcialidade subxectiva", sinala o avogado e analista político Xoán Antón Pérez-Lema.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno español, intervindo onte no Senado (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez, presidente do Goberno español, intervindo esta cuarta feira no Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A recusación foi rexeitada pola mesma maioría 6-5 que amosa que os seus votos foron fulcrais. Velaí que a decisión do TC vulnera o dereito das partes a un xuíz imparcial no modo que o reflicte a Convención Europea de Dereitos Fundamentais e a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que a interpreta. Xa non só é unha decisión inconstitucional do TC, senón contraria á lexislación europea de dereitos humanos.

Suspender un trámite parlamentario vulnera o principio democrático

Os Parlamentos non só controlan os Gobernos e exercen a potestade lexislativa, senón que representan a cidadanía. Mentres non decidan aprobando leis ou actos non lexislativos as súas actuacións non teñen efectos xurídicos e non poden ser impugnadas. 

Porén, neste caso o TC admitiu esa medida cautelarísima duns deputados do PP suspendendo o trámite parlamentario da proposta lexislativa no Senado. Deste modo, anúlase a capacidade das Cámaras estatais de decidir, no mandato que exercen da cidadanía.

Mesmo de se trabucar. Introducindo un elemento antidemocrático de impropia titoría, de control mesmo da actividade e non da decisión, exercido por maxistrados do TC caducados no seu mandato e inhábiles por interese propio. Gravímetro.

Chegados até aquí cómpre lembrar que foi o propio PSC o que pediu por vez primeira do TC suspender un proceso lexislativo na Catalunya en setembro de 2017 (as leis que regularían tanto o referéndum do 1 de outubro como os seus efectos). Entón non se sentiu falar nin a Podemos nin aos Comúns.

Esta suspensión da actividade parlamentaria catalá (mesmo a non lexislativa) foi unha constante no 2018 e 2019. Sen protesta ningunha da esquerda española.

Proposición de lei

Contando coa maioría absoluta da case totalidade da coalición da investidura, os partidos que alicerzan a xestión do Goberno Sánchez poderán lograr que as súas emendas suspendidas poidan ser lei en só dous meses se presentan esta semana as mesmas como proposición de lei orgánica.

Este cadro de absoluta crise constitucional, porén, non se resolverá só desa maneira. En xuño de 2010, o TC anulou parcialmente un Estatut aprobado pola cidadanía catalá e en 2018 validou un artigo 155 que disolveu o Parlament e cesou o Govern, malia que a doutrina constitucional dos 80 e 90 negaba que ese artigo tivese esa capacidade de suprimir e non só de limitar no concreto. Ficou nidio daquela que o dereito constitucional á autonomía das nacionalidades resultaba anulado, suspendido ou gravemente limitado.

Agora esta ruptura da Constitución territorial chegou ao xogo institucional dos Poderes do Estado, ameazando cunha involución absoluta. Semella que xa non existen consensos que alicercen o edificio político-institucional do Estado.

Comentarios