PARTICIPACIÓN

ILP: a voz que cercena o rolete do PP

As iniciativas lexislativas populares (ILP) son unha das ferramentas que naceron co obxectivo de favorecer e impulsar a participación cidadá na actividade lexislativa a través do Parlamento. Unha ferramenta que ao longo destes anos a sociedade empregou en non poucas ocasións para defender cuestións como a sanidade pública (31.000 sinaturas de apoio) ou o bosque autóctono e freo da eucaliptización (42.000 firmas) mais que ficaron na papeleira. Eis un extracto da información publicada ao respecto no semanario en papel Sermos Galiza número 348.

foto6

3En 2015 o PP plantábase no Parlamento galego para defender en solitario unha proposición de iniciativa lexislativa popular (ILP) na que se fixaba, entre outras cuestións, reducir de 15.000 a 10.000 as sinaturas necesarias para impulsar unha proposta de ILP. Soaba ben, mais para a oposición o fondo desta proposta agochaba máis “fogos de artificio” que unha verdadeira vontade de regular unha vía aberta, participativa e ampla para que a sociedade galega puidese ter unha canle directa co Parlamento.

O PP poñía a lei galega de ILP como exemplo para o resto do Estado. “O Parlamento galego é onde máis ILP se debaten”, afirmaba naquela altura a deputada popular Paula Prado. Entre 2009 e 2014 presentáronse 12 desas iniciativas e aprobáronse 4, fachandeaba o PP. Porén, a realidade fornece outra lectura.

“Entre esas iniciativas está unha presentada polas integristas de Red Madre contra o aborto e que o PP aprobou en solitario facendo valer o seu rolete parlamentar”, lembra Sara Quintáns, politóloga. ILP que chegou ao Parlamento avalada por 20.000 sinaturas, moitas menos que outras que, con 40.000 apoios recollidos, foron vetadas ou rexeitadas pola maioría popular.

Entre esas ILP aprobadas está tamén a que, con 43.000 sinaturas avalándoa, pedía a posta en marcha de hemodinámica, radiografía e medicina nuclear para o Hospital de Lugo. O PP aprobouna, “mais antes encargouse de retocala e de modificar no trámite parlamentar o texto orixinal”. O resultado? Que as propias entidades que impulsaron a iniciativa orixinal non se identificasen co documento aprobado.

Unha ILP aprobada por unanimidade foi a coñecida como Paz Andrade, que achegaba Galiza á Lusofonía. Foino embora os recortes do PP ao documento orixinal. Cinco anos despois daquela aprobación, a concreción real daqueles compromisos están por ver en boa parte dos temas.

Orestes Suárez, politólogo e investigador, cun estudo sobre as iniciativas lexislativas populares, considera que as ILP poden ser “unha escola de democracia” e que ese é xa un valor importante que se debe potenciar. Abrir vías “As ILP teñen un potencial para reconectar a cidadanía cos estamentos públicos”, explica. Son unha vía para dar “protagonismo” á sociedade no goberno. Mais esta vía non sempre chega a bo porto. Así, lembra, do cento de iniciativas lexislativas populares presentadas no Congreso, só tres foron finalmente aprobadas. Na Galiza a porcentaxe de ILP rexeitadas ou vetadas supera 80%.

[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios