Igualdade, crise e memoria centrarán o pleno após o 8-M

A Cámara debaterá a creación dunha Valedoría da Igualdade.
Xunta de Portavoces do Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera Xunta de Portavoces do Parlamento galego (Foto: Arxina)

Igualdade, ciencia e dereitos centrarán o pleno do Parlamento galego que seguirá á xornada do 8-M, Día Internacional das Mulleres. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, responderá a preguntas da líder do BNG, Ana Pontón, sobre as medidas que está a desenvolver o Executivo para conseguir a igualdade real entre mulleres e homes ante as consecuencias da crise. E precisamente sobre a saída á crise e a reactivación económica interpelará ao mandatario o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Así o acordaron esta terza feira, 2 de marzo, os grupos parlamentares na Xunta de Portavoces da Cámara. 

Ao saír desta xuntanza, o portavoz do PP, Pedro Puy, avanzou que o seu grupo presentará unha proposición para analizar os resultados do programa Muller e Ciencia (posto en marcha para fomentar a igualdade neste ámbito) co obxectivo de elaborar unha seguinte edición. Pola súa banda, a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, adiantou que proporán unha "Valedoría da Igualdade” como organismo público encargado de velar polo cumprimento da lei de non discriminación e con capacidade sancionadora ás empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional.

Ademais, reclamarán a “transferencia” das competencias en materia de inspección laboral "con financiamento suficiente para un plan específico de inspección en materia de discriminación e cláusulas de igualdade” na contratación pública galega. 

Segundo informou Pablo Arangüena, viceportavoz socialista, o PSdeG defenderá no pleno o impulso dun proxecto de recuperación da memoria democrática das mulleres galegas que sufriron a represión franquista e presentarán ademais unha moción sobre a afectación das mulleres durante a pandemia, na que reclamarán dedicar 0,5% do investimento consolidado da Xunta ás políticas de Igualdade.

Indeminizar os Franco

O próximo pleno do Parlamento incluirá ademais unha proposición non de lei do grupo socialista para que a Xunta se dirixa ao Estado para pedirlle que esgote todas as posibilidades xurídicas fronte á sentenza que fixa as indemnizacións ao herdeiros de Franco logo da devolución ao público do Pazo de Meirás.

Pola súa banda, Rodil avanzou que instarán desde o pleno á Xunta e ao Estado para presentar un recurso á sentenza que obriga indeminizar a familia Franco. 

Comentarios