Iglesias senta no Hórreo como independente

Carmen Iglesias tomou posesión esta segunda feira no Parlamento, mais fíxoo como independente mentres o grupo parlamentar de AGE non acepte formalmente a súa incorporación. 

Carmen Iglesias [Imaxe: SG]
photo_camera Carmen Iglesias [Imaxe: SG]

A deputada de Ourense asegurou ás portas do hemiciclo que está a agardar a tramitación administrativa da súa acta como parlamentar mais esta segunda feira xa tomou posesión do seu escano de maneira oficial. A súa entrada tivo lugar coincidindo coa sesión parlamentar de debate dos orzamentos para 2014 que decorre na Cámara.

Carmen Iglesias prometeu, seguindo o protocolo, a súa cadeira no Pazo do Hórreo mais fíxoo como deputada independente mentres o grupo parlamentar de AGE non acepta de maneira formal a súa incorporación. Após as declaracións do seu portavoz, Xosé Manuel Beiras, quen afirmou que apoiará a entrada de Iglesias como integrante de AGE de acordo coas súas "convicións éticas" e "democráticas", a de Ourense asegurou que solicitará a súa entrada para cuxa aceptación ou rexeitamento a coligación conta con 5 días. 

"Votarei cos meus"

Neste senso, será nunha xuntanza entre todas as forzas que integran AGE (Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista e Equo) onde se decida se Iglesias Sueiro se integra como deputada do grupo parlamentar. Xuntanza que podería desenvolverse esta mesma xornada. Malia todo, Iglesias asegurou que votará "cos meus", en referencia a AGE, nesta sesión plenaria.

A coligación ten 5 días para responder á solicitude de entrada de Iglesias como deputada

A decisión de Beiras de aceptar á xa deputada por Ourense abriu unha fenda cos seus socios de Esquerda Unida que tramitan desde que se iniciou o conflito polo escano a suspensión de militancia de Iglesias Sueiro. Desta formación, Carmen Iglesias di que "non sabe nada" pois non contactaron con ela nos días previos á súa aterraxe no Hórreo e mesmo salientou en declaracións aos medios de comunicación que --para alén de non a saudaren-- non a acompañaron na súa toma de posesión. Quen si o fixo foi un pequeno grupo de "familiares e amigos", indicou. 

Comentarios