Municipais 2019: Podemos practicará a xeometría variábel na relación coas mareas galegas

Renovará a fórmula gañadora das eleccións de 2015 na Coruña, Santiago e Ferrol. No resto dos concellos abre a man a distintos escenarios de concorrencia, sen desbotar apresentarse en solitario.

Consello CIdadán Estatal de Podemos. 13 de xaneiro de 2018.
photo_camera Iglesias aplaude durante a reunión do Consello Cidadán Estatal

O Consello Cidadán Estatal de Podemos realizou este sábado unha reunión para avaliar o momento político, botar un ollo á ferida deixada polos resultados do 21-D en Catalunya e avanzar a estratexia da formación morada para as eleccións municipais de 2019. Todo nun ambiente marcado por certo pesimismo -os inquéritos apontan a que a marca liderada por Pablo Iglesias vai ser sorpassada por Ciudadanos- e pola presión de Izquierda Unida -este mesmo sábado Alberto Garzón voltou a defender un maior peso das teses e dos cadros da súa organización dentro da confluencia.


No que atinxe a Galiza, o Consello Cidadán Estatal teríalle dado luz verde á repetición da fórmula coa que Podemos concorreu ás eleccións locais de 2015 na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, segundo informa Faro de Vigo. Isto é, participación sen siglas propias nas marcas lideradas por Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez.

A xeometría pola que aposta Podemos é variábel, así que o resto dos concellos admiten distintos tratamentos. Cabe desde a coligazón co resto de parceiros das confluencias (basicamente Anova e EU) até a hipótese de se apresentar en solitario. O proceso en todo caso será controlado pola dirección galega, embora a actual secretaria xeral, Carmen Santos, estea fortemente cuestionada dentro da organización, con Antón Gómez-Reino, un home próximo a Iglesias, como referente alternativo.

O Consello Cidadán Estatal tomou nota, aliás, os resultados de Catalunya. Iglesias non fuxiu da autocrítica. Cualificou os resultados de "maos" e admitiu que a formación morada atravesa un momento "difícil". Mais ao tempo garantiu que Podemos mantén a moral de vitoria e que non pensan en "tirar a toalla".

E sobre a pretensión de IU de ter máis peso, Iglesias reafirmou sen complexos a vocación hexemónica da súa organización. Podemos, veu dicer, fará todo o posíbel por manter a alianza, mais a partir da constatación de ser ela propia "a forza máis importante do cambio".

Comentarios