ANÁLISE

Iglesias pisa o acelerador para reducir o errejonismo á mínima expresión

A decisión de Pablo Iglesias de encabezar a lista ao Consello Cidadán -non tiña por que facelo porque vai ser o único candidato con opcións á secretaría xeral- é interpretada por propios e alleos como sinal de que quer converter Vistalegre II nun referendo plebiscitario arredor da súa figura.

Íñigo Errejón e Pablo Iglesias. Vistalegre I
photo_camera Íñigo Errejón e Pablo Iglesias, nun momento de Vistalegre I

Hai que darlle a razón a Errejón en algo: Iglesias xoga a todo ou nada. Todo significa continuar na secretaría xeral e reducir o errejonismo á mínima expresión orgánica. Nada significaría demitir e desaparecer do cenario.

Non doutro xeito se poden interpretar dous elementos decisivos á hora de pintar o retrato previo de Vistalegre II. Primeiro, o sistema de votación, referendado por unha consulta das persoas inscritas en decembro pasado, con vitoria moi axustada de Iglesias (41 por cento face o 39 de Errejón). Lonxe de ser proporcional puro, o sistema de votación está claramente corrixido para o sistema maioritario, de forma que a lista máis votada terá unha clara prima de representación. O errejonismo critica que Iglesias impoña dentro o que rexeita fóra (unha norma eleitoral interna moi semellante á deostada Lei D'Hont).

O segundo elemento decisivo é a decisión de Iglesias de encabezar a lista ao Consello Cidadán. En Vistalegre I non o fixo. A razón de que o faga agora (formalmente non tiña que o facer ao ser xa candidato a secretario xeral) é a de fixar a imaxe de que as e os inscritos teñen que tomar partido entre Iglesias e Errejón. Unha lóxica binaria. Unha lóxica plebiscitaria, nomeadamente porque o propio secretario xeral afirmou que renunciaría ao cargo de ser superado na votación ao Consello Cidadán ou na escolla do Documento Político pola corrente errejonista.

O propio Iglesias ocupouse de o enfatizar esta quinta feira. "Hai dous proxectos, dúas equipas e dúas lideranzas", indicou. Un torpedo á liña de flotación á estratexia de Errejón. O secretario político tentou desde o principio eludir o corpo a corpo co secretario xeral cun discurso non exento de contradicións e que se podería resumir na frase "válenos Pablo para a lideranza, mais non a súa liña política". Errejón sabe que neste momento non ten opcións nun duelo persoal con Iglesias. Este sábeo tamén e por iso forza agora a máquina. Todo ou nada.

Dese torneo de líderes quixo escapar Carolina Bescansa. Mais, nun aceno calculado, esta quinta feira á noite desvelou o sentido do seu voto: "Votarei pola lista de Pablo Iglesias", afirmou a La Sexta. A politóloga de Compostela faise a un lado -non concorrerá a ningún cargo nesta asemblea- mais non rachou as pontes con Iglesias. Todo o mundo sabe en Podemos que o seu obxectivo desde sempre foi desprazar Errejón do número dous da organización.

Comentarios