Iglesias despraza da portavocía a Errejón, que será candidato en Madrid no 2019

O secretario xeral de Podemos reforza o seu liderado interno mentres que as posicións errejonistas perden peso na nova Executiva, con tres dos 15 postos, a metade dos que solicitaba o ex-número dous.

[Imaxe: Podemos]
photo_camera [Imaxe: Podemos]

Pablo Iglesias e Íñigo Errejón acadaron este sábado un pacto para resolver o novo reparto de poder interno en Podemos despois de Vistalegre 2. Errejón queda desprazado así da portavocía parlamentar da formación morada, que pasará a ocupar Irene Montero, para ser presumiblemente o candidato á presidencia da comunidade de Madrid no ano 2019, unha posibilidade que xa estivera na mesa antes do congreso.

A composición da nova Executiva tamén supón a perda de peso das posicións errejonistas, con tres dos 15 postos, fronte os seis que solicitaba o agora ex-número dous de Podemos. Un reparto que foi aprobado por case unanimidade (dúas abstencións) polo Consello Cidadán, máximo órgano de dirección da formación morada.

"Por suposto que valoramos dobrar a aposta para 2019, pero terá que abrirse un proceso de primarias", declarou Iglesias sobre a posibilidade de Errejón como candidato.

Iglesias reforza o seu liderado interno con 11 cargos afíns máis un do grupo Anticapitalistas na nova Executiva, que contará cunha maioría de mulleres. 

Porén, Errejón manterá a Secretaría de Análise Estratéxico e Cambio Político aínda que desaparece boa parte da súa estrutura nos núcleos de decisión interna da organización.

“Íñigo é un candidato gañador. Por suposto que valoramos dobrar a aposta para 2019, pero terá que abrirse un proceso de primarias”, afirmou Iglesias sobre a posibilidade de que sexa o candidato, segundo declaración recollidas polas axencias.

Comentarios