Iglesias condiciona continuar coas negociacións a que Pedro Sánchez as rache con Ciudadanos

O PSOE advírtelle que non aceptará unha "negociación exclusiva e excluínte". "Imos negociar en plural" e sen "vetos". 

Pablo Iglesias e Pedro Sánchez
photo_camera Pablo Iglesias e Pedro Sánchez [Imaxe Podemos]

Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos) mantiveron esta quinta feira (5 de febreiro) un primeiro encontro no marco das conversas que manterá o líder socialista, e candidato á presidencia do goberno español, de cara á sesión de investidura. Neste senso, Sánchez tamén se reuniu con Alberto Garzón (IU), Compromís e Albert Rivera (Ciudadanos). 

En comparecencia de imprensa Pablo Iglesias impuxo como condición para continuar a falar con Pedro Sánchez que este abandone as conversas con Ciudadanos. Unha idea que o líder do PSOE tildou de "exclusiva e excluínte" polo que a rexeitou. 

Iglesias exixe que o PSOE deixe de negociar con Ciudadanos para continuar as conversas sobre un hipotético goberno

Podemos exixe que Sánchez opte por "un goberno de cambio" que abranga Podemos, PSOE e IU para avanzar nas negociacións. A partir de aí, dixo, "nós seremos xenerosos" a respeito das políticas que farían parte da folla de rota ou programa dese eventual goberno e entre as que se atoparía, sinalou, pular por unha redución no ritmo de pagamento do défice; algo a negociar perante as insitucións europeas. 

Esta posibilidade foi rexeitada de maneira taxativa por Pedro Sánchez quen asegurou que "a porta vai seguir estando aberta para Pablo Iglesias e Podemos" e avanzou que "os grupos de traballo" das negociacións comezarán a artellarse "esta tarde con Ciudadanos" e "a semana que vén con IU, Compromís e agardo tamén que co PNV", explicou o secretario xeral do PSOE. 

"Os españois non queren vetos" nen "política de frontes", acrecentou, para lle botar a bóla riba do tellado a Podemos. 

Sen o apoio de Podemos, o PSOE ten complexo chegar a gobernar

O desencontro entre ambos os dous líderes podería facer parte dunha estratexia máis electoral que política, cuestión que, no entanto, negou o líder de Podemos. "Queremos un goberno estábel" e "de cambio", dixo Iglesias, mais esa opción, sinalou, só cabe con Ciudadanos fóra da mesa de negociación. 

De se manter o rexeitamento e cun voto negativo de Podemos e as confluencias na sesión de investidura, Sánchez non contaría con apoios suficientes para saír eleito o que, desde a perspectiva aritmática, complica o futuro do líder socialista. Así as cousas, dixo, "eu vou en serio, serán outros os que teñan que explicar por que votan o mesmo que o PP, en contra dun presidente socialista". 

"Negociamos cunha soa voz nunha equipa global", dixo Iglesias sobre as confluencias

En Marea

Neste contexto que fará En Marea? A coligazón galega asegurou en días anteriores que adoptará unha decisión autónoma mais Iglesias sinalou esta sexta feira que "negociamos cunha soa voz" dentro dunha "equipa global" o que suxire que se Iglesias racha as conversas En Marea non as manterá. Si o fará Compromís que se sumará ás equipas negociadoras a partir da semana que vén. 

Iglesias asegurou que conversou con Mónica Oltra e Xosé Manuel Beiras nestes días e que partillan "estratexia" nun "camiño xuntos" cara o "goberno de cambio". E é que "a min o que me interesa é o goberno de progreso" que, dixo, "podía estar xa a gobernar". 

Comentarios