Vitoria de Errejón, contrario á integración con IU e En Marea

Iglesias cede e aceita condicionar a unha maioría cualificada a fusión con outras forzas

No documento organizativo que, con vistas a Vistalegre II, apresentou a candidatura oficial, a liderada por Pablo Iglesias, incorpórase o requisito de que calquera alianza sexa acordada no Consello Cidadán por dous terzos dos seus integrantes, unha demanda de Errejón.

Alberto Garzón e Pablo Iglesias
photo_camera Alberto Garzón (IU) e Pablo Iglesias (Podemos)

Pablo Iglesias sabe que ten unha maioría precaria entre a nómina de persoas inscritas (gañou por apenas dous pontos o referendo sobre o sistema de votación de Vistalegre II) e, por tanto, está obxectivamente interesado en reducir os pontos de fricción con Errejón, nomeadamente porque en materia organizativa o secretario político tería o apoio da terceira corrente da organización, Anticapitalistas, interesada tamén en cortar competencias ao secretario xeral.

Destarte, a corrente de Iglesias acabou por aceitar que as fusións con outras forzas políticas (Izquierda Unida, En Marea e o partido que prepara Ada Colau) teñan de pasar pola peneira dunha maioría cualificada no Consello Cidadán. Por exemplo, só prosperaría a constitución dun novo suxeito político con IU se fose aprobada por dous terzos das persoas integrantes deste órgao. Na práctica isto é darlle poder de veto a Errejón (a súa corrente vai ter máis dun terzo de votos na dirección), que se opón á fusión con IU e En Marea (prefire manter a forma de coligazón), o que constitúe unha indiscutíbel vitoria do secretario político fronte ao líder da formación morada.

Iglesias surprende ao propor que @s moz@s podan acceder á condición de inscrit@s ao alcanzaren os 14 anos

Hai outra cesión relevante: Iglesias renuncia á competencia de destitución de membros da Executiva (en uso desa faculdade cesou o secretario de Organización, o errejonista Sergio Pascual).

En troca, continúa o disenso sobre quen debe ter a competencia de convocar as bases a un referendo. Iglesias tenciona manter esa competencia como secretario xeral, en tanto que Errejón (e Anticapitalistas) quer facer descansar esa prerrogativa no Consello Cidadán.

Surprendeu outra proposta de Iglesias no documento organizativo da súa candidatura: a de que se podan inscribir no partido (e, portanto, ter plenos dereitos políticos) as persoas maiores de 14 anos. Neste momento para se inscribir en Podemos é requisito sine qua non ter maioría de idade. Nalgúns países está recoñecido o dereito de voto aos 16 anos.

Comentarios