Iglesias acepta para as xerais a fórmula “Podemos-outra cousa” en territorios “con particularidades” como Galiza

Rexeita concorrer aos comicios estatais con IU por ser “un proxecto político esgotado”. Anima a Izquierda Unida a se presentar coas súas propias siglas: “Terían algúns votos”.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

O secretario xeral de Podemos abre a porta a acadar acordos con outras forzas políticas en territorios con “particularidades”, entre os que citou Galiza canda Catalunya e Valencia, para concorrer ás eleccións xerais. Mais esa apertura, explicou nunha entrevista en RNE que recolle Europa Press, tomaría forma en se presentar cunha mesma papeleta baixo a fórmula, dixo, “Podemos-outra cousa”.

“En Catalunya, Valencia ou Galiza a min gustaríame apostar en fórmulas nas que Podemos poidese encontrar con outros sectores políticos no marco da unidade popular”, afirmou, engadindo que Podemos o que non contempla é un escenario de “confluencia de partidos” a nivel estatal. Pablo Iglesias explicou que Podemos é unha forza “pluri-nacional”, que recoñece “as particularidades dalgúns territorios”. Así, reiterou que “non vería mal que existise a posibilidade de que Podemos-outra cousa fose a papeleta que aparecese por un lado en Galiza, con outro nome en Catalunya e con outro en Valencia”.

IU, “esgotada”

Na entrevista en RNE Pablo Iglesias descartou concorrer ás xerais con IU pois ese é un proxecto `político esgotado”, dixo. Con rotundidade respondeu “en ningún caso” ás preguntas sobre se haberá pepeletas coas siglas de Podemos e IU xuntas, e animou a Izquierda Unida a se presentar aos comicios coa súa propia marca: “Creo que deberían facelo e que terían algúns votos”.

Iglesias sinalou que no caso de que IU considere que o seu xa non é “válido”, as portas de Podemos “estarán abertas a todo o mundo”. “Podemos non ten que ser unha forza política máis, senón que ten que ser un instrumento para o cambio, aberto á xente que non é de Podemos e que queira ser de Podemos”.

Comentarios