Unha “icónica” pasarela de dous millóns para Marineda

Na mañá desta cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asistiron a inauguración dunha pasarela que une o centro comercial Marineda City co polígono de Agrela. A obra, cun custo que ascende aos dous millóns de euros, estreouse con case un ano de retrasos.
Inauguración da pasarela de Marineda
photo_camera Inauguración da pasarela de Marineda (Imaxe: Xunta de Galiza)

Esta terza feira o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazáronse á Coruña para a inauguración da pasarela de Baños de Arteixo xunto a rexedora herculina Inés Rey. A que Vázquez cualificou de “obra icónica”, “chamada a converterse nun emblema” da cidade, une o centro comercial Marineda City co polígono da Grela. “Un agasallo anticipado de Nadal”, en verbas do PP coruñés, que enlaza un ano de retrasos na súa apertura. 

O presidente da Xunta salientou que a obra contribúe a “humanizar” a paisaxe industrial do polígono, “como un espazo de lecer e esparcemento” para a cidadanía. María García, voceira da Marea Atlántica, lembrou a Feixoo que a cidade "segue agardando pola Intermodal, o saneamento da Ría do Burgo ou as obras dos colexios públicos”. “Tamén pola construción da pasarela de Pedralonga, que acumula anos de retraso. É igualmente fundamental para a seguridade peonil, pero neste caso atópase nun barrio popular”.

O BNG local acusou nesta xornada a Feixoo de “maquillar a falta de compromisos do Goberno coa Coruña” con esta inauguración. “Desde que é presidente os investimentos limitáronse a escolas infantís financiadas por unha fundación privada -a de Amancio Ortega-, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos e agora a construción dunha pasarela que dá acceso a unha grande superficie comercial”, denuncian. 

Oito anos 
En 2011, o concello da Coruña demandaba á Xunta da Galiza a construción dunha pasarela que facilitase o tránsito de persoal e clientes ao centro comercial. Cinco anos despois o Goberno autonómico respondeu, enmarcando a súa construción nun plan de sendas peonís e de ciclistas para toda Galiza. “Imos facer a gran pasarela entre o Marineda e a Grela, que é o que lle importa á xente e non os referendos de autodeterminación”, afirmaba Feixoo en 2016.

Un ano despois, a conselleira de Infraestruturas asegurábaa para o 2018. O DOG da súa licitación detallaba un importe de 1.947.841, case o dobre do inicialmente calculado. O 80% foi extraído do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. 
 

Comentarios