Leiceaga

“Hoxe hai 150.000 ocupados menos que cando comezou o goberno de Feijóo”

Xaquín Fernández Leiceaga congregou os medios na sede do PSdeG para facer unha valoración da evolución do emprego, durante os sete anos de goberno de Núñez Feijóo. Vídeo no interior

Leiceaga compareceu esta mañá na sede do PSdeG para expoñer a súa análise da situación laboral galega actual, comparando os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), cos do primeiro trimestre de 2009, cando Feijóo comezou a súa primeira lexislatura como presidente da Xunta de Galiza. Sete anos despois, Leiceaga afirma que o emprego foi deteriorado en calidade en cantidade, apoiándose nos datos cun triple enfoque: a poboación activa de Galiza, a poboación ocupada e os datos rexistrados do paro.

O candidato socialista para as eleccións galegas que se realizarán en outubro incidiu no “intensísimo deterioro” que sufriu o emprego en Galiza, argumentando que vai máis aló do provocado pola crise xeral, xa que o “comportamento en Galiza foi máis negativo que o da media española”, apuntando, deste xeito, á política económica de Alberto Núñez Feijóo como principal culpábel da perda de poboación activa e ocupada.

A poboación ocupada caeu en 150.000 persoas nos últimos sete anos

Os datos da EPA reflicten que nos últimos sete anos produciuse unha caída de 82.300 persoas activas, ou o que é o mesmo, en idade de traballar. Unha caída do 6.2% agravada especialmente por estar concentrada nos xoves de menos de 35 anos. Isto implica, para Leiceaga, a “expulsión involuntaria de moitos xoves que non teñen oportunidades en Galiza”. Este datos son ilustrativos na medida en que en España a caída foi moito menor, do 2%, no mesmo período, evidenciando unha situación crítica no noso país.

A poboación ocupada caeu en 150.000 persoas nos últimos sete anos, tamén dun xeito máis intenso entre a poboación xove. O número de ocupados de entre 18 e 24 anos baixou un 54%, durante a dobre lexislatura de Feijóo, e sufriu un descenso do 40% nas persoas de entre 25 e 34 anos.

“Se Galiza se comportase como a media española teriamos 73.000 empregos máis”

Leiceaga tamén focalizou na perda de calidade dos contratos que seguen en vigor: “Perderonse case 60.000 contratos indefinidos e cada vez unha maior parte deles son a tempo parcial, un paso forzado polas empresas para axustárense ás condicións da demanda.” Leiceaga descartou que estas cifras se correspondan coas consecuencias da crise xeral: “Se Galiza se comportase como a media española teriamos 73.000 empregos máis, sumando un total de 1.094.000.” O candidato socialista posicionouse de cara aos vindeiros comicios, alertando ante unha posible terceira lexislatura do Partido Popular: “A continuidade de Feijóo sería un lastre difícil de contrarrestar para o mercado económico galego”.

Precisamente para conseguir virar a tendencia dos datos do emprego, Leiceaga propuxo unha reforma dos Servizos de Emprego, aumentando o plantel de traballadores na Axencia Galega de Emprego; cursos de formación para os parados de longa duración, que fican devaluados ao botar demasiado tempo sen traballar: "Debemos restaurar as súas capacidades e reorientalos cara outros sectores actualizados", afirmou Fernández Leiceaga, quen tamén propón un programa de choque para a inserción laboral dos xoves.

Polémica en torno ás listas electorais

A elección dos senadores na xornada de onte no Parlamento de Galiza levantou discrepancias entre os integrantes do PsdeG afíns a Méndez-Romeu, após da elección de Modesto Pose como senador autonómico socialista. Tras esta elección xorde un tema subxacente: a confección das listas electorais para as eleccións galegas. Ao ser preguntado polas mesmas, Leiceaga refiriuse a “unha renovación fundamental” para conformar as mellores listas posíbeis e, con iso, “formar un equipo renovado, axustado ao traballo parlamentario e que conecte mellor cos grupos sociais aos que representamos.”

Comentarios