Homenaxes a Moncho Reboiras no 41º aniversario do seu asasinato

Organizacións políticas e sindicais convocan actos este 12 de agosto en lembranza do militante nacionalista. 

Moncho ReboirasCando se cumpren 41 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho, organizacións políticas e sindicais convocan actos de homenaxe e lembranza ao militante nacionalista asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. 

A Unión do Povo Galego (UPG) iniciará a xornada no cemiterio de Imo (Dodro) ás 12 horas cunha ofrenda floral. Posteriormente organizan un xantar popular na Finca da Cortiña por volta das 14:30h, no Concello de San Sadurniño. Na sobremesa terá lugar un debate intitulado A mudanza real que a Galiza precisa. 

Xa pola tarde a UPG convoca en Ferrol a tradicional ofrenda no portal da Rúa da Terra no que foi abatido a balazos por axentes da Brigada Político-Social Moncho Reboiras e posteriormente un acto político no Cantón no que intervirán Manuel Polo, Secretario de Zona da UPG en Ferrolterra, Antía Ínsua, Comité Nacional da UMG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG. 

Tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) organiza un acto de homenaxe a Reboiras ás 13 horas no cemiterio de Imo (Dodro) no que intervirán Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 40 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil; Daniel Barral, Mesa Nacional de Isca!; Lois Ríos, dirixente da UPG nos anos 70 e un dos militantes que estaba no piso de Ferrol o día do seu asasinato e Noa Presas, membro da Mesa Nacional do MGS e membro da Executiva do BNG. Tamén contarán coa actuación do cantautor Tino Baz. 

Ao remate terá lugar un xantar popular nunha carballeira para posteriormente realizar unha visita guiada aos petróglifos de Bouza Abadín. 

Pola súa banda a Confederación Intersindical Galega (CIG) da man da Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza editou unha biografía e unha lámina con motivo do 41º aniversario na que presenta a súa evolución vital, dende o seu nacemento en Imo (Dodro) en 1950 até o seu asasinato pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

Xerira e a FPG organizan un acto político conxunto o sábado 13 de agosto no Mercado de Teis ás 12h e un xantar popular posterior no CS Mistura. 

Comentarios