Homenaxes e lembranzas a Moncho Reboiras no 46 aniversario do seu asasinato

No 46 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, organizacións políticas e sociais renderon tributo ao xoven nacionalista e dirixente da Unión do Povo galego que, con 25 anos, recibiu polas costas os disparos da policía da ditadura franquista en Ferrol. Soberanía nacional, futuro digno e xustiza social, reclamouse nos actos de lembranza a Reboiras. Este sábado haberá máis homenaxes en Imo e Vigo.

Acto organizado pola UPG, que Reboiras liderou, este 12 de agosto en Ferrol.
photo_camera Acto organizado pola UPG, que Reboiras liderou, este 12 de agosto en Ferrol.

Diversas homenaxes en Imo (Dodro) e Ferrol lembraron este 12 de agosto o nacionalista e dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia, 'Moncho Reboiras', no 46 aniversario do seu asasinato pola policía da ditadura franquista cando só tiña 25 anos de idade.

Coa crise sanitaria e económica marcando a actualidade, nas homenaxes reivindicouse o activismo político e o compromiso nacionalista de Reboiras botando a vista cara ao futuro da Galiza. 

Homenaxe en Ferrol

Como cada 12 de agosto desde 1976, a Unión do Povo Galego realizou o seu anual tributo a Reboiras. Fíxoo en Ferrol, cun acto en que interviron o secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; Iria Carreira, secretaria da Unión da Mocidade Galega e deputada no Parlamento; e o tamén parlamentario Ramón Fernández.

“Complétanse 45 anos en que a Unión do Povo Galego está aquí, en Ferrol, neste día, rendendo tributo ao patriota e revolucionario caído, ao camarada Moncho Reboiras. E facémolo, como acertadamente foi expresado naquela altura, para recoller o seu fusil e o seu exemplo, para reafirmar a nosa fidelidade á causa da independencia nacional e do socialismo á que o noso compañeiro entregou a súa vida”. Así comezou Néstor Rego o seu discurso na Praza de Armas de Ferrol, apuntando que o “exemplo de Reboiras se condensa de forma excepcional no traballo de organización do noso pobo, na relevancia que prestou á auto-organización dos traballadores e traballadoras e das clases populares galegas en parámetros nacionais e de clase”. Esta é, remarcou, “a chave de bóveda do nacionalismo galego, a que posibilitou a consolidación dun movemento nacionalista determinante na Galiza contemporánea”.

Ante a crise actual e a que vén, Rego destacou que "o nacionalismo debe estar á altura e con capacidade de liderar o descontento social e de transformalo en resposta organizada, con alternativas xusta para as maiorías sociais e para o noso país".

No horizonte, sinalou, "están xa unhas eleccións municipais que temos que abordar co obxectivo de afianzar a presenza do nacionalismo nos concellos e conquistar máis Alcaldías para o BNG (...) E aínda unhas eleccións galegas que deben representar un punto de inflexión na historia do noso país, a oportunidade de mudar o rumbo e comezar a actuar sen complexos como unha nación no mundo, alargando o camiño que conduce á liberdade. É unha etapa máis, que pode e debe ser decisiva, porque nunca esquecemos que o noso horizonte é o dunha república libre e soberana, a República da Galiza".

Homenaxes en Imo

No cemiterio de San Xoán de Laíño, en Imo, onde repousan os restos mortais de Reboiras, decorreu este 12 de agosto a homenaxe do Movemento Arredista. Interviron o tenente de alcalde de Dodro, Xoán Bautista (BNG), Raúl Sandomigo (Isca!), a activista feminista Ximena González e a concelleira do BNG nas Pontes Silvia Pardo, que chamou a construír "un futuro digno, con xustiza social e feminista".

Silvia Pardo expuxo o traballo "urxente" da liberación nacional, "avanzando na estratexia de mudanza do sistema económico social, que nos aniquila. Avanzar cara á ruptura democrática. Derrubar os marcos que nos oprimen", dixo. “Rendemos homenaxe hoxe ao compañeiro Reboiras. Exemplo de compromiso militante, revolucionario e de clase”.

A nacionalista explicou que nos últimos tempos “fomos quen de reverter resultados electorais e facer que as galegas acreditasen en mulleres e homes nacionalistas galegos para traballar nas institucións”. E tamén reivindicou “a necesidade de realizar desde as institucións o cuestionamento dos marcos, facer axenda propia, pedagoxía do traballo nacionalista”.

A emancipación nacional, dixo, debe ser “un traballo colectivo”, e apelou a “non ficar en panfleto electoral. Non chega con acadar novas simpatías. Temos que nos organizar e desde o colectivo transformar”. Finalizou asegurando que “desde o arredismo, desde o socialismo independentista galego damos pasos cara a adiante. Coa semente da matria. Coa semente da historia de todas as que fixeron o camiño antes que nós”.

Tamén Imo acolleu este 12 de agosto a tradicional ofrenda floral da Fundación Moncho Reboiras para o estudo da realidade social e sindical na Galiza., que promove a central sindical nacionalista CIG.

Xa pola tarde, ás 19.30 horas, decorreu no cemiterio o acto convocado por Agora Galiza-Unidade Popular  baixo o lema “A nossa contribuiçom nacional à insurgência global!”.

Actos este sábado

Este Sábado 14 de agosto decorrerá na Lavandeira, en Imo, a homenaxe da asemblea local do BNG de Dodro a Reboiras, cun acto en que intervirán o tenente de alcalde Xoán Bautista, o deputado Néstor Rego e a parlamentar Iria Carreira.

Tamén no sábado, ás 12 horas, diante do Mercado de Teis, en Vigo, farase un tributo a Reboiras. 

Pola súa banda, a Frente Popular Galega (FPG) sinalou a Nós Diario que este ano non levarán a cabo o acto que desde mediados da década dos 2000 facían anualmente no barrio de Teis, en Vigo, onde a familia Reboiras se trasladou a vivir e traballar polas penurias da Galiza rural naquela altura. Si expresaron desde a FPG a este xornal o seu desexo de volver facer o tributo o ano que vén e de que todas as homenaxes que se lle fagan neste ano “sexan vizosas”.

Comentarios