Unha homenaxe nacional recoñecerá o legado e a contribución ao autogoberno de Pablo González Mariñas

Xentes da cultura, a universidade, a política, a economía e a sociedade galegas buscan recoñecer a "defensa firme" que González Mariñas fixo dos intereses galegos. 
Pablo González Mariñas.
photo_camera Pablo González Mariñas.

O ex conselleiro de Presidencia e Administración Pública e voceiro da Xunta da Galiza (1987-1990) Pablo González Mariñas (A Coruña, 1944) será obxecto dunha homenaxe nacional o vindeiro 8 de xullo na Coruña.

Deputado do Parlamento da Galiza (1981-1989 e 2005-2009) e profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela mais na Universidade da Coruña será recoñecido na cidade herculina pola súa contribución ao autogoberno da Galiza.

A comisión organizadora do acto, conformada por diversos sectores da sociedade, da cultura, da economía, da política e da universidade galegas, "quere agradecer así a delongada traxectoria de González Mariñas na defensa dos intereses políticos da Galiza, a súa contribución ao desenvolvemento do autogoberno e da súa Administración Pública e a súa contribución ao noso dereito e á nosa universidade".

A homenaxe nacional terá lugar a sexta feira 8 de xullo desde as 13.30 horas no Restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro da cidade da Coruña.

As persoas interesadas en acudir poden inscribirse antes da medianoite do sábado 2 de xullo escribindo ao correo [email protected].

Personalidade nacional da Galiza

Deputado nacionalista entre 1985 e1989 -momento en que ocupa a Consellaría de Presidencia e Administración Pública- mais entre 2005 e 2009, González Mariñas exerceu tamén a portavocía parlamentar de Coalición Galega na primeira lexislatura (1983-1985). No seu ámbito profesional, representa un dos principais valores do Dereito Público galego.

Segundo destaca o comité organizador, González Mariñas amosouse sempre firme na defensa dos intereses e da personalidade nacional da Galiza, "seguindo o ronsel de tantos outros persoeiros do galeguismo, como o seu tío Jenaro Marinhas del Valle".

"Esta firmeza soubo combinala cun espírito moderno, pluralista e democrático, baseado nos valores da liberdade, do diálogo e do progreso económico e social. Velaí o motivo por que un importante número de antigos compañeiros nos eidos da política nacional galega, a universidade ou a práctica do dereito, a cultura ou literatura, canda persoas da súa familia e boas amizades, está a organizar esta homenaxe nacional".

E conclúe: "Un pobo, unha nación que basea a xeito  a súa convivencia e futuro sabe recoñecer aos seus".

Comentarios