sábado 27/11/21

Homenaxe nacional a Camilo Nogueira: “Un referente de honestidade, integridade e entrega por Galiza”

O Auditorio compostelá acolle o 11 de novembro un acto de recoñecemento ao político galego. Promotores da iniciativa destacan a importancia de poñer en valor unha traxectoria de compromiso e que, non poucas veces, adiantouse ao seu tempo.

Camilo Nogueira
Promotores da homenaxe

O 11 de novembro o Auditorio de Compostela acollerá a Homenaxe Nacional a Camilo Nogueira, un acto que contará coa presenza de representantes da cultura, da sociedade civil e da política (estarán presentes os portavoces dos 4 grupos parlamentares); mais tamén de numerosos cidadáns que queren recoñecer unha figura que, como admiten os propios promotores do acto, non tivo o recoñecemento que merecía. Máis de 700 persoas se sumaron xa a esta iniciativa.

“A idea de facer esta homenaxe é que Camilo é unha referencia deste país, unha persoa que tivo moito a ver na construción da autonomía, en que hoxe teñamos un goberno galego”, declarou Fernández Prieto, un dos promotores da homenaxe, a Sermos Galiza. “Un referente de honestidade, de integridade e de entrega”, engade. Para Lópes Facal, que partillou militancia e representación parlamentar con Nogueira nos tempos de PSG-EG, “a cordialidade” é o que destaca. Unha cordialidade que fai, explica, que esta homenaxe estea a recabar múltiples apoios e adhesións, de persoas individuais a sindicatos, pasando por músicos, artistas... “Todo a súa vida estivo adicada a traballar por Galiza”, mantén.

Unha traxectoria de coherencia

Suso de Toro coincide en resaltar a “cordialidade” de Camilo Nogueira, que o escritor acompaña de adxectivos como “coherencia e firmeza” para se referir a unha persoa que consideran que foi unha honra ter na política galega. Pencha Santamarina lembra que a homenaxe no Auditorio vai ser aberta, de entrada libre e de balde, “un acto aberto a todo o mundo porque Camilo meréceo”.

Carlos Neira Suárez considera que Camilo foi, en certo xeito, un adiantado ao seu tempo en cuestións que hoxe en día están asumidas no debate e discurso político mais que hai tres décadas non tiñan apenas valedores. “O ecoloxismo, a loita das mulleres, o que se deu en chamar 'alter-mundismo'... eran cuestións que Camilo defendía daquela, un pouco contracorrente”. Para Ana Miranda, representante do BNG en Bruxelas, o homenaxeado demostrou ser “un antisistema que é quen de traballar nas institucións para mudalas”, un “vangardista” en moitos aspectos, que foi quen de facer unha política desinhibida" que callou na xente. Aponta Lópes Facal como un exemplo a defensa do galego “na súa dimensión internacional” que Camilo Nogueira fixo na súa etapa nas institucións europeas.

Compromiso

As persoas promotoras destacan a súa coherencia, non só no discurso mais na práctica. Lembra Méndez cando foi despedido en 1972 como enxeñeiro de Citroën e destinou a indemnización (“un millón de pesetas das de aquela”) aos traballadores do estaleiro Ascón, que protagonizaban unha dura loita nun ano no que decorreu unha histórica greve xeral na cidade. Ou cando a bordo do pesqueiro 'Xurelo' foron á Foxa Atlántica para protestar polos verquidos de bidóns radioactivos, un acto que abraiou en Europa. 

O acto do 11 de novembro vén ser un recoñecemento, indica, a un referente "positivo" que traballou ao longo da súa vida por Galiza. 

Homenaxe nacional a Camilo Nogueira: “Un referente de honestidade, integridade e...
comentarios