Este sábado, homenaxe a Bautista Álvarez polos seus 50 anos de militancia nacionalista

O acto, promovido por máis de vinte persoas a título individual, celebrarase en Cacheiras, Teo. No mesmo presentarase o primeiro volume das súas Obras Escollidas.
Bautista Álvarez
photo_camera Bautista Álvarez

Vinte e unha persoas decidiron a título individual render unha merecida homenaxe ao nacionalista e fundador da Unión do Povo Galego (UPG) Bautista Álvarez. O acto, un xantar-homenaxe, decorrerá este sábado no Restaurante O Pórtico (Cacheiras, Teo). A iniciativa tivo moita acollida desde o seu anuncio hai un mes e conta con todas as prazas esgotadas, máis unha extensa lista de garda. Comezará ás 14 horas coa actuación de gaiteir@s e ao remate falarán media ducia d@s promotor@s e o propio homenaxeado.

Desde o grupo organizador, formado por Mar Álvarez Muro, José Modesto Álvarez Muro, Xurxo Álvarez, Nemesio Barxa, Francisco Carballo, Lois Diéguez, Natalia Escrig, Miguel Anxo Fernández Lores, María do Carme García Negro, María Pilar García Negro, Saleta Goi, Xosé Lois González “O Carrabouxo”, Bernardino Graña, Felipe Senén López, Ana Paz Vilar, Millán Picouto, Néstor Rego, Francisco Rodríguez, Antón Sánchez Ribeiro, Xesús Seixo e Marisa Vázquez Barquero, salientan o compromiso do homenaxeado co lema “50 anos de militancia nacionalista”.

Presentación da Obra Escollida

Na homenaxe presentarase o primeiro volume da Obra Escollida de Bautista Álvarez. O traballo constará, en principio, de tres volumes. O primeiro contén 30 textos, entre artigos e conferencias, da etapa máis recente que vai de 2005 a 2012. No limiar, realizado pola Fundación Bautista Álvarez, afírmase que é “unha obra de grande clareza e densidade política dentro do nacionalismo galego”. Para María Pilar García Negro, directora da Fundación e membro da comisión organizadora, estamos diante da obra dun escritor cunha “grande bondade” e un “bon estilo” que conta “con dotes literarias froito da súa formación”.

Os volumes da Obra Escollida de Bautista Álvarez continuarán coas etapas anteriores até chegar aos primeiros publicados nos anos 60. “Hai unha cantidade enorme de información moi valiosa para sabermos da historia do nacionalismo galego contemporáneo en tres décadas”, sinala García Negro, "da creación deste nacionalismo fóra do círculo de Ramón Piñeiro e conectado coa figura de Castelao".

Os volumes da Obra Escollida de Bautista Álvarez continuarán coas etapas anteriores até chegar aos anos 60

Unha vida de entrega ao país

Bautista Álvarez naceu nunha pequena aldea da parroquia de Lás, San Amaro, en 1933. Após o seu paso polos estudos en Ourense, onde entra en contacto coas primeiras lecturas políticas, trasládase ao Barco de Valdeorras. O 25 de Xullo de 1964 participa na fundación da UPG coa redacción colectiva dos “10 puntos” programáticos. Viaxa a Madrid en 1965 onde estuda Filosofía e Letras na Complutense, e cofundadorá o grupo “Brais Pinto”, promovendo e presidindo o Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.

De regreso ao país en 1973 transládase a Vigo e forma parte, na clandestinidade, do Comité Executivo da UPG. Sofre represión e torturas por participar en varias manifestacións unha vez morto Franco. Neses anos, de 1975 a 1978, preside a Asociación Cultural de Vigo e escribe innnumerábeis artigos en varias publicacións de ámbito estatal.

A fins de agosto de 1977, durante a celebración do I Congreso da UPG, celebrado en agosto de 1977, resulta electo Presidente. Vai manter ese cargo até a celebración do XII, en novembro de 2008, cando expresa o seu desexo de non candidatarse. Participou na fundación do BNG, facendo parte da súa Comisión Permante de 1982 a 2002. Foi deputado no Parlamento galego en varias lexislaturas desde a primeira en 1981.


No 40º aniversario da constitución da UPG, en 2004, constitúese a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasa a presidir desde o inicio das súas actividades. En 2006 entrégaselle o Iº premio Manuel María á dignidade nacional.

Comentarios