Unha hipótese sobre os inquéritos

É un clásico de campaña: ollar cara aos arúspices como se fosen infalíbeis. Non o son. Fallan máis do que escopetas de feira. Ou talvez non fallan: talvez os cociñeiros simplesmente traspoleiran a receita e o que nos poñen na mesa é o que lles interesa que comamos, e non aquilo que lle acaería ben á nosa saúde. Velaí o que acaba de acontecer no Reino Unido. Teño unha hipótese: lá vou con ela.

exit poll

O establishment existe, non porque o nomease Owen Jones, senón porque empiricamente hai poderes e elites que manexan resortes e finanzas e dispoñen de ferramentas moi poderosas para modelar estados de opinión e determinar/condicionar a psicoloxía das masas. Sábemolo de vello. Moito antes de que Goebbels aparecese, mínimo desde Maquiavelo, sabemos que técnicas se empregan para conformar estados de conciencia e para levar a auga cara determinados regos.

No Reino Unido, o establishement (a City, os meios de comunicación máis poderosos, etc) apostaba na continuidade de Cameron, non tanto por medo a Miliband, canto porque sabían que un goberno Labour só se podería formar co soporte do SNP, isto é, dunha forza política, esa si, rupturista, que cuestiona a propia vida dun Estado que existe desde hai tres séculos (desde 1707, o momento en que os parlamentos inglés e escocés deron luz verde á Acta da Unión, non sen grande oposición popular na vella Alba).

Pois ben, todos os inquéritos previos ao 7 de maio debuxaron o escenario perfeito para os tories: o dun goberno “nacional” británico débil e en minoría, o de Miliband, secuestrado polo SNP. A mensaxe subxacente era: se queres evitar que Londres se goberne desde Edimburgo, vota tory.

Os inquéritos non están aquí para fotografar obxectivamente os estados de opinión, senón para condicionalos, isto é, para favorecer determinadas expectativas de voto, empoleirar a este e derrubar/torpedear a aquel

O impacto foi evidente, non tanto nas bases do Labour (os laboristas incrementaron lixeiramente o seu número de votos), como na freguesía dos Lib Dem: o eleitorado centrista exerceu o voto británico útil en favor de Cameron.

Certo é que Miliband puxo moito da súa parte: no canto de facer pedagoxía e de non demonizar o acordo co SNP -aliás, Nicola Sturgeon goza de moi boa imaxe entre a xente normal inglesa, irlandesa ou galesa-, mostrou un inútil desdén ao nacionalismo escocés, o que aínda enfebleceu máis a súa posición. Como confiar o goberno en quen parece querer estabelecer un cordón de seguranza sanitaria sobre o seu único potencial aliado?? A quen quería enganar Miliband? Está claro que non enganou a case ninguén.

Hai moito que sabemos/intuímos que os inquéritos non están aquí para fotografar obxectivamente os estados de opinión, senón para condicionalos, isto é, para favorecer determinadas expectativas de voto, empoleirar a este e derrubar/torpedear a aquel.

Esa norma reina en UK e tamén na Galiza, país intensamente submetido estes días ao bombardeo demoscópico. Que o saibamos.

Comentarios