Ligara o seu futuro á demisión de Quinteiro

Hermida recúa e renuncia ao escano de En Marea

Xoán Hermida non será deputado de En Marea, nin sequera de maneira interina. Así o anunciou hoxe, segunda feira, nun comunicado despois de formalizar a súa renuncia na Mesa do Parlamento.

xoan hermida
photo_camera Á esquerda na foto, Xoán Hermida.

Despois de que o Consello da Marea -coa inasistencia da maioría do sector crítico- aprobase unha consulta “ás bases” sobre o futuro da parlamentaria Paula Quinteiro, Hermida considera que a súa presenza “provisional” non Hórreo xa non é necesaria. Porén, el mesmo ligara a súa “adscrición provisional” á demisión de Quinteiro, envolvida nun incidente coa Policía Local de Santiago hai máis dun mes.

Hermida asegura que dá un paso que xa anunciara e lembrou que xa dixera que “non participaría na lexislatura debido ás súas ocupacións profesionais”. No entanto, tamén afirmara, despois de cargar con extrema dureza contra a súa compañeira de partido instrumental Paula Quinteiro, que figuraría no grupo parlamentario de En Marea mentres esta non dimitise.

A súa decisión suscitou un enorme malestar entre outros integrantes da “confluencia”. Antón Sánchez, de Anova e viceportavoz do grupo de En Marea, chegou a cualificala de “fraude”.

Comentarios