Hermida formalizará a súa alta no grupo de En Marea, mais sen tomar posesión do escano

A manobra permitirá ao partido instrumental manter formalmente a condición de segunda forza parlamentar. Contodo, a xogada de Xoán Hermida ao non renunciar ao escano -aumentar a presión sobre Paula Quinteiro- non se viu coronada con éxito. A militante de Anticapitalista continúa no seu escano e En Marea perde a efeitos prácticos un deputado, após a demisión de Juan Merlo.

xoan hermida
photo_camera Xoán Hermida, nunha comparecencia informativa [Foto: PontevedraViva.com]

Xoán Hermida  -que como informou Sermos é deputado a todos os efeitos desde a pasada sexta feira- vai formalizar esta quinta feira a súa incorporación ao grupo parlamentar de En Marea. O prazo para así o facer concluía esta quinta feira ás 18.30. Este movimento pactouno esta cuarta feira Hermida con Luís Villares, o seu referente político dentro da confluencia. Destarte, En Marea retén a condición de segunda forza no Pazo do Hórreo -ten 14 escanos, os mesmos que o PSdeG, mais está por diante ao ter obtido máis votos nas eleccións de 2016-. De non formalizar a súa alta na agrupación parlamentar da confluencia, Hermida tería sido adscrito automaticamente ao grupo mixto.

O que non varía é a súa intención de non tomar posesión do escano, para en teoría manter a presión sobre Quinteiro. É un aceno político que por si mesmo está condenado ao fracaso. A militante de Anticapitalistas ten o respaldo da maioría do grupo e o seu futuro político non vai depender das evolucións de Hermida na cámara galega.

Debe ficar claro que, aínda que non tome posesión do escano, Hermida continuaría a ser deputado a todos os efeitos. Simplesmente non accedería a determinadas faculdades e prerrogativas (entre elas, o salario e o dereito a participar nos plenos). Hermida só deixaría de ser deputado se renuncia formalmente á súa acta, co que correría a lista de En Marea e entraría no Pazo do Hórreo a podemita Julia Torregosa, crítica con Luís Villares.

Para tomar posesión, o regulamento fixa un prazo de tres sesións plenarias a contar a partir do momento (a pasada sexta feira) en que lle foi comunicada formalmente a Hermida a súa condición de deputado. Se se esgotar ese prazo sen cumprir os requisitos regulamentarios, o parlamentar fica dentro da institución, mais sen plenitude de dereitos. Porén, esta situación é reversíbel. En calquera momento posterior Hermida -que esta quinta feira oferece unha conferencia de imprensa en Pontevedra- podería asistir a unha sesión plenaria e prestar promesa ou xuramento do Estatuto e a Constitución, co que se igualaría en prerrogativas ás súa compañeiras.

Ao non ter neste momento plenitude de dereitos, Hermida será un deputado non utilizábel por parte do grupo, que a efeitos operativos perde un efectivo após a demisión de Juan Merlo.

O Consello da Marea activa a consulta sobre Quinteiro

E mentres tanto, o órgao executivo da confluencia, a Coordenadora convocou para este sábado unha reunión do máximo órgao do partido instrumental entre plenarios, o Consello da Marea. Na orde do día, a activación da consulta entre a militancia sobre o affaire Quinteiro.

Comentarios