Parlamento

A hemeroteca desmonta a xestión de Feixoo á fronte do Goberno galego

A sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza desta sexta feira será lembrada durante moito tempo por Alberto Núñez Feixoo. Mentres Gonzalo Caballero se despedía da súa responsabilidade de portavoz parlamentario socialista cunha intervención moi diferente á doutras ocasións, Ana Pontón botaba man da hemeroteca para evidenciar a falla de respostas do titular do Goberno galego aos problemas do país.

Núñez Feixoo na sesión de control no Parlamento das Galiza. (Foto:Europa Press)
photo_camera Núñez Feixoo na sesión de control no Parlamento das Galiza. (Foto:Europa Press)

Os tres minutos da súa quenda de intervención quedáronlle curtos a Ana Pontón. A voceira nacional do BNG empregou todo ese tempo en dar lectura a diversos titulares de prensa onde se observaba a Feixoo eludindo a súa responsabilidade sobre os problemas do país e culpando dos mesmos o Goberno do Estado, as forzas da oposición parlamentaria ou mesmo a cidadanía galega.

“Está sendo útil?”

“Feixoo culpa a Portugal dos rebrotes nos concellos do sur. Feixoo culpa o PSOE e o BNG da crise industrial. Feixoo acusa a oposición de mentir no baleirado dos encoros. Feixoo culpa a Vox da entrada do BNG no Congreso. Feixoo culpa...”, “Feixoo culpa, Feixoo acusa. Cre realmente que está sendo útil para solucionar os problemas da Galiza?”, preguntou Pontón ao mandatario galego após facer un repaso dos seus últimos anos á fronte do Goberno galego.

“Onde está a súa solución para Alcoa, onde as súas propostas para os produtores ante os baixos prezos do leite, onde están as axudas ou para cando una mesa na que sente os gandeiros, a industria e as grandes superficies? Onde están os seus plans para darlle futuro á mocidade, para reforzar a sanidade pública ou cando vai deixar de vetar unha tarifa eléctrica galega en lugar de seguir abrazado o lobby eléctrico?”, continuou Pontón, para responsabilizar Feixoo de “14.000 empregos perdidos na industria e case 17.000 no sector agrario” así como dos “200.000 mozos e mozas que tiveron que coller as maletas”. “E di que todo vai ben”, agregou.

“A iso fica reducida súa acción de Goberno, a buscar culpábeis, porque é incapaz de dar solucións e, por iso, estende o seu dedo acusador e culpa a cidadanía, a mocidade, as empresas, a crise, a Portugal, a Catalunya, o BNG e, como agora non goberna o PP, tamén ten a Moncloa de comodín”, concluíu Pontón, quen recomendou ao presidente da Xunta da Galiza que “deixe de pisar moqueta e pise a realidade dos galegos e das galegas que están pasando por un momento moi complicado”.

Feixoo dubidou na súa resposta á voceira nacionalista. “Descoñezo a utilidade da súa pregunta de hoxe”, contestou, para botar man dos argumentos empregados habitualmente polo PP contra o BNG e para sinalar que “son independentistas, soberanistas, da república independente...se se avergoñan dos seus principios e da súa ideoloxía cámbiena, nós temos unha alianza coa Galiza, vostedes cos seus intereses e o seu poder”.

Eu son útil defendendo a Constitución

O mandatario galego non dubidou en recoñecer como un éxito propio “conseguir que o BNG non Goberne na Galiza desde 2009”. Na mesma liña, defendeu a súa xestión porque “eu son útil defendendo a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía da Galiza” e sacou peito da súa defensa do país.

Un Caballero descoñecido na forma e no fondo interpelou Feixoo sobre as medidas adoptadas en relación coa vaga da pandemia. Pola súa parte, o mandatario galego destacou que “somos a comunidade autónoma con menor mortalidade de toda España desde que empezou a pandemia e estamos traballando con todo o rigor que as cifras acreditan, aínda que o Goberno de España impide un fondo Covid para 2022 e o problema coa vacinación dos menores é que non temos vacinas para todos”.

“Adiantámonos sempre nos pasos dados en relación á pandemia a respecto do resto do Estado e innovamos, estamos por riba da media de España en todos os parámetros das vacinas, e seguimos insistindo nas necesidades da situación de alerta que vivimos”, afirmou Feixoo, quen insistiu en que “os datos acreditan como, desde o primeiro momento, a Galiza a estivo á fronte da loita contra a pandemia. Seguimos traballando con rigor e protexendo a saúde e a vida de todas as galegas e galegos”.

Comentarios