O helicóptero 'Pesca 2', parado unha semana por avaría

A Federación galega de alimentación, mar, transporte e telecomunicacións da CIG alerta do “enorme problema de seguridade no mar” que supón a inoperatividade, desde hai unha semana, do helicóptero do servizo de gardacostas da Galiza Pesca 2, dependente da Xunta, que está parado desde o 24 de outubro por unha avaría. 
Pesca 2
photo_camera [Imaxe: Xunta] O helicóptero de gardacostas 'Pesca 2'

O helicóptero, con base en Viveiro, ten como misión o servizo de gardacostas, inspección pesqueira e busca e salvamento na Mariña e a zona norte da costa galega. A ollos da organización sindical, o parón no servizo resulta “gravísimo”, segundo advirte o seu secretario confederal de Emprego, Francisco Cartelle, quen fai notar que tanto a zona costeira como gran parte do interior da Galiza estarían "sen recursos” en caso de suceder unha emerxencia que precisase da intervención desta unidade. 

A CIG repróchalle á Xunta a “enorme precarización que se produce ao privatizar servizos, neste caso dos máis básicos, como son os que teñen por obxectivo manter a seguridade das persoas”. 

Como pon de relevo o sindicato, os helicópteros Pesca 1 –con base en Vigo– e Pesca 2 foron vendidos pola Xunta á empresa concesionaria do servizo, Babcock MCS España, “supostamente por quedaren xa obsoletos”. “Curiosamente, estes aparellos son os que agora seguen a prestar o servizo e por estes dispositivos a Xunta paga un arrendamento á empresa adxudicataria”, advirten desde a CIG.

Comentarios