Entrevista a Óscar García Patiño

“Hai servizos que teñen que ser municipalizados”

Óscar García Patiño (Cambre, 1964) preside o consistorio de Cambre desde 2015. Á fronte de Unión por Cambre, encabeza un tripartito en que tamén sentan o PSdeG e mais o BNG. O seu discurso escora á esquerda e defende as municipalizacións de servizos. A maiores, amósase preocupado polos paus que o PP coloca nas rodas da área metropolitana. Eis un extracto da entrevista.

[Imaxe: Concello de Cambre] Óscar García Patiño
photo_camera [Imaxe: Concello de Cambre] Óscar García Patiño

1A xestión da auga é outro problema recorrente en Cambre. Fixeron unha auditoría nada máis chegar ao concello. Con que perspectiva?

Fixemos, e fomos á zona de Alacant e de Murcia para ver a xestión de distintos concellos nunha zona onde a auga é ouro. Aquí temos unha empresa en precario desde hai moitísimos anos. Quixemos ver as distintas opcións, desde municipalizar o servizo até crear unha empresa mixta. Nós cremos que os donos da auga temos que ser todas e todos. Non pode ser que Emalcsa (Empresa Municipal de Augas da Coruña) sexa a propietaria e, tendo as afeccións que temos en Cambre, paguemos a auga máis cara que na Coruña. Isto é tamén unha aposta importante na área metropolitana. Nós estamos dando pasos, vendo de facer unha empresa municipal entre o concello e Emalcsa para ter o mellor servizo ao menor custo posíbel.

Daquela, a municipalización está entre as posibilidades que manexan?

Sen dúbida. Nós municipalizamos o servizo de roza que tan mal funcionaba. Levamos un ano en que, por motivos varios, empezamos tarde, pero o servizo que se fixo foi de moitísima máis calidade que un servizo privado. Cremos que hai varios servizos, entre eles a auga, que teñen que ser municipalizados sen ningunha dúbida.

Nos últimos anos o Estado restrinxiu a autonomía local.

O concello é a administración máis próxima ao veciño. Calquera problema que teña, o veciño mira que o concello llo solucione. Até o de agora sempre se botaban balóns fóra: “Este problema é do Consorcio das Mariñas, este da Xunta”. Nós non facemos iso. Nós collemos o touro polos cornos e se hai algunha demanda que facer ao Consorcio ou á Xunta, facémola nós. Non o ven así nin desde a Xunta nin desde o Goberno central. É unha mágoa que non apoien máis as administracións. Cada día cárgannos máis de competencias e os recursos son menos. Téñenos afogados. Prestamos mal servizo porque non podemos contratar persoal municipal. E se non podes, tes que ir a unha empresa privada. Que é o que pretende o PP, sempre primar as empresas privadas en contra dos beneficios dos veciños.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza no número 285. á venda na loxa ou nos quiosques habituais]

Comentarios