Antón Sánchez

Antón Sánchez: "Hai un programa alternativo a Feixoo"

376 do Sermos Galiza.14 de decembro Anova organiza na comcarca de Compostela a súa IV Asemblea Nacional centrada na súa reformulación e na que se nomeará unha nova coordinadora. Sermos Galiza conversa co actual líder de Anova, Antón Sánchez, sobre as posíbeis liñas a seguir nos vindeiros dous anos. A entrevista, na íntegra, no nº376 do Sermos Galiza.
f_5_AntonSanchez
photo_camera (Arxina)

Vostede sucedeu a Xosé Manuel Beiras como máximo responsábel de Anova na pasada asemblea. Que valoración fai do traballo desenvolto pola súa organización neste período?

Durante este período, o que intentamos, seguindo a liña de traballo definida na anterior asemblea, foi concentrar os esforzos para que callase o proxecto de unidade popular, que naquel momento era En Marea. Se por algo se caracterizou Anova nestes dous anos é por tratar de tecer esa unidade popular e de ser coherente por esa aposta, apoiando todos os espazos de unidade que había polo país, a nivel nacional e local.

mini_5_AntonSanchez

Como mudou o contexto político galego nestes dous anos?

O proxecto de En Marea, no que puxemos moito do noso esforzo na súa construción, non resultou. É o máis significativo deste período. A pesar do noso esforzo e aposta por ese modelo, como polo das mareas municipalistas. Consideramos que onde houbese unha alternativa unitaria do espazo de ruptura Anova debía estar e ese é o espazo que hoxe toca reconstruír, un espazo de xente que non ten unha alternativa política que a represente e nese traballo estaremos.

O próximo 14 de decembro organizan unha asemblea nacional que pon fin a un proceso de debate iniciado após as xerais de abril e as municipais. Cales son os obxectivos desa xuntanza?

Tras facer un proceso de debate a nivel interno por todo o país coa militancia, pero tamén aberto a outros colectivos e individualidades, agardamos que se abra unha nova etapa na que Anova contribúa a construír ese suxeito político republicano, alternativo e de confrontación co Réxime e cos seus poderes. Que aglutine a toda esa xente que precisa dunha alternativa política que represente a todas esas loitas que se están dando na rúa. E que sexa verdadeiramente transformador.

Logo dun percorrido pre asembleario tan longo, que mesmo definiron como o inicio dun proceso de refundación, que cuestións salienta como fundamentais no temario ideolóxico e organizativo de Anova?

Penso que a construción dese suxeito, desde abaixo e na Galiza, debe ser a liña de acción de Anova. Un suxeito capaz de discutir as hexemonías a nivel institucional e a nivel de rúa, que cremos que é onde se cambian as cousas. Iso é a liña do escoitado durante eses meses de debate que concluirá o día 14 no plenario. Agardamos que toda a xente se sinta representada nesta nova etapa.

Tras a evolución de AGE e a ruptura do espazo de En Marea, considera posíbel construír un suxeito político con estas características desde Anova?

O noso primeiro obxectivo é ese, cremos que nos últimos tempos dáse unha situación que no social e no económico mudou a peor. O horizonte de perda de dereitos laborais, con novos sistemas de explotación laboral e precariedade, pero tamén democráticos, é preocupante. Segue sendo válida esta idea para toda esa xente que segue considerando que ten en común todas estas problemáticas. Xa no horizonte electoral, veremos, non depende só de nós. Non nos conformamos con asistir nas institucións e ser parte dun organismo que vai perdendo capacidade de transformación, senón que aspiramos a que se constrúa desde abaixo unha alternativa hexemónica. Demostrouse que con esas liñas de actuación pódese disputar a hexemonía tanto ao partido socialista como ao partido popular. Hai organizacións que tomarán as súas decisións, nós non imos anticipar nada, pero a nosa liña seguirá sendo de diálogo con todas as forzas á esquerda do PSdeG. Mais antes a construción do suxeito político desde abaixo, suxeito que non debe ser só electoral.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios