HéCTOR TEJóN, ACTIVISTA/ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“Hai que poñer a unidade por diante das diferenzas de cara ás eleccións xerais”

Héctor Tejón (A Coruña, 1981), activista social e desempregado, participa do Encontro cidadán para a marea galega convencido de que “ten que poñer cada un o que poida para cumprir unha demanda social: que o país teña voz propia no Congreso”.

Héctor Tejón
photo_camera Héctor Tejón

Que o levou a se sumar ao Encontro cidadán por unha marea galega?

Como toda iniciativa política que pretende agromar da base, trato de achegar outra forma de experiencia política. Cadaquén ten que poñer o que poida para cumprir unha demanda social real: que o país teña voz propia en Madrid e que poidamos determinar cara onde queremos dirixir a nosa terra. Trátase dunha oportunidade política única e non estamos nun tempo no que poidamos permitirnos o luxo de desaproveitala.

En que traballa agora mesmo o Encontro cidadán por unha marea galega?

O principal obxectivo pasa por acadar a confluencia e por chegar a unha alternativa política que satisfaga non só as partes implicadas, senón tamén que sexa capaz de integrar xente que procede de fóra de iniciativas políticas e que está a demandar unha resposta. Os tempos son chegados e a Coordinadora do Encontro ten por tarefas saber comunicar, saber transmitir e saber integrar xente desexosa que saia de aquí algo galego, cun contido diferencial, que represente Galiza.

Por que é necesaria unha candidatura unitaria?

Isto é como un edificio no que cadaquén vive nun piso pero que require de actuacións conxuntas. Todos perseguimos as mesmas cousas, non sei se hai liñas vermellas ou verdes, mais si hai puntos tanxenciais. Creo que por separado desperdiciaríamos toda a forza que está espallada polo país. Sería imperdoábel. Nunca antes houbo unha oportunidade tan forte para deixar a marxe as cousas que nos separan e para loitar por todo o que nos une: Galiza e os intereses galegos contra as políticas neoliberais que non queremos.  Queremos a soberanía do noso pobo, queremos dereitos sociais e queremos Galiza como suxeito político. A unión fai a forza e unha candidatura unitaria permitirá rachar co taboleiro.

"Todos e todas queremos o mesmo, non sei se hai diferenzas… e ridículo"

Que diferenzas percibe entre a Iniciativa pola Unión e o Encontro?

Todos e todas queremos o mesmo, non sei se hai diferenzas… é ridículo. Temos que crear un espazo común onde todos e todas nos sintamos cómodos (xente que procede de partidos, de movementos…) o importante é crear un espazo entendemento capaz de xerar un programa político de aplicación real. As diferenzas ou matices que poida haber son nimiedades. Penso que nin o BNG, nin Anova, nin as Mareas, nin ningunha entidade son nais da criatura, porque estamos a facela entre todos e todas.

Ve indispensábel un grupo parlamentar propio?

Primeiro hai que estudar que contido vai ter e dotalo de metodoloxía, porque a creación dun grupo parlamentar por si mesmo non chega. Non creo no grupo parlamentar como fin último . Non hai que tomar a parte polo todo. O importante é dotar Galiza dunha soberanía que se foi escorregando e é importante tamén a construción dunha pedagoxía política diferente para non seguir o que nos ditan os medios. Dende logo non hai ninguén mellor que nós, os galegos e galegas, para defendernos. O grupo parlamentar véxoo como un punto máis dunha estratexia moito mais complexa. Non hai que esquecer que a política non e só institucional, faise na rúa día a día.

Que opina de que Podemos non queira renunciar as súas siglas?

Podemos, igual que o BNG ou Anova… terán as súas tácticas. Podemos é un axente máis e non é nin mellor, nin máis alto. Podemos será o que el queira ser. Se segue emperrado no seu, adiante, cadaquén saberá que fai e por que o fai.

"Ten que idearse un espazo conxunto onde todos e todas nos sintamos cómodos"

 Acabarán confluíndo a Iniciativa e o Encontro?

Ten que idearse un espazo conxunto onde todos e todas nos sintamos cómodos. Penso que é obrigado que se conflúa. Non se puido comezar conxuntamente pero é obrigado confluír e obrigatoria unha candidatura unitaria. Temos o exemplo da gran manifestación contra a xestión do novo hospital. Alí había persoas de todo tipo de pelaxe pero deron a batalla de maneira conxunta.

De cara á configuración da candidatura, aposta en persoas con experiencia política ou sen ela?

Non sei se hai liderados sociais, pero se os hai, teñen que agromar. Se falamos de confluencia hai que saber confluír. Na Coruña, hai dez concelleiros da Marea Atlántica sen experiencia ningunha na política e esta experiencia vaise adquirindo pero é importante contar con persoas que saiban como funciona todo isto. O político é un saber que cómpre socializar.

A fórmula coa que se concorrerá ás eleccións xerais servirá para a as galegas?

A fórmula confórmana os axentes sociais que a compoñen. Hai que apostar noutro tipo de metodoloxías diferentes á das marcadas polas estruturas dos partidos. A propia xente que milita en partidos ve que as súas organizacións igual erraron na praxe política durante as últimas épocas e estas persoas piden que se reformule a estrutura de partido. Toda a construción política ten que artellarse desde abaixo cara arriba. O primeiro chanzo de cara as eleccións xerais, cunha nova forma de facer política, pode servir de gran referencia para as eleccións galegas. O inimigo que temos enfronte só podemos derrotalo de maneira conxunta.

Comentarios