OPERACIÓN ZETA

"Hai persoas do PP moi tocadas. E teño probas", di Gerardo Crespo en relación a Feijóo, Romay e Negreira

Non se apagan as lapas da Operación Zeta. E cada día están máis perto de Monte Pío. 

crespo

Gerardo Crespo, o presunto número 1 da Operación Zeta -investigado por supostamente organizar cursos de formación irregulares ou falsos que lle terían reportado 20 millóns de euros de fondos públicos- apunta directamente o seu antigo partido e, nomeadamente, a Feijóo.

Nunha entrevista en Radio Coruña-SER, realizada esta quinta feira, Gerardo Crespo nega ter subornado cargos da Xunta para conseguir contratos para a súa empresa, Azetanez. Cousa distinta é se utilizou a empresa para financiar o PP. Destarte, e á pergunta de se entregou diñeiro ao PP, Crespo afirmou literalmente: "Iso tereino que declarar perante a xuíza. Mais evidentemente o PP ten moitas cousas que tapar, hai moito que dicer aquí. Direillo á xuíza primeiro" [segundo a investigación da xuíza, na caixa B de Crespo hai consignados pagamentos ao PP por importe de 17.000 euros].

Que consecuencias terá a súa declaración nos xulgados? "Hai persoas moi importantes do PP", esclarece, "que están totalmente -e teño probas- tocadas,  pero moi tocadas, e che podo falar de persoas de maior idade mesmo". Que persoas? E relaciona: o presidente do Consello de Estado [Romay Beccaría], o presidente da Xunta de Galiza [Alberto Núñez Feijóo], e o alcalde da Coruña [Carlos Negreira]. E advirte: "E podo seguir".

"Eu estiven no despacho de Bárcenas. No despacho de Ana Pastor. Faltoume estar no despacho de Rajoy, pero case, si que estiven na Moncloa"

Crespo queíxase da deslealdade que terían tido con el os seus antigos correlixionarios [o empresario foi expulso do partido ao se coñecer que a polícia o investigaba por supostas irregularidades na realización dos cursos de formación]. Di que desde xaneiro de 2012 se cortou toda relación con el por parte dos dirixentes do PP e tamén por parte de Pachi Lucas, persoa chave na trama, íntimo amigo de Feijóo e -segundo as investigacións policiais- o enlace entre o propio Crespo e as administracións públicas que asinaban contratos coa empresa. Pachi Lucas, alias O Conseguidor.

Segundo o relato do empresario, Pachi Lucas foi alertado por Feijóo de que estaba a ser investigado. Iso aconteceu en xaneiro de 2012. Apartir dese momento Lucas non respondeu ás chamadas de Crespo, mais, segundo di este, si que seguiu ingresando as transferencias mensuais por valor de 3.000 euros en retribución polos servizos prestados a Azetanez.

Que tipo de servizos? Basicamente ser a chave que "podía abrir calquer porta", di Crespo. "Eu estiven no despacho de Bárcenas. No despacho de Ana Pastor. Faltoume estar no despacho de Rajoy, pero case, si que estiven na Moncloa", ilustra o empresario.

"Ameazáronme. A min e a ao meu avogado. Dicéndome que son novo, que teño fillos, que teño muller"

Pachi Lucas conseguía os contratos non porque fose un extraordinario comercial, senón pola súa relación de íntima amizade con Feijóo. Afirma Crespo que co PP actual só se pode facer negocios se "estás cos seus amigos". E Pachi Lucas, entre os amigos, era o amigo.

Feijóo abenzoaba a relación entre Crespo e Lucas, segundo o relato oferecido por aquel nesta entrevista. Tanto que, di o empresario, chegou a dicerlle a Lucas: "A ver se gañades moito diñeiro", frase que "está gravada" e figuraría no sumario.

Nótase a tensión en todo o que di Crespo, un vello militante do Partido Popular enfrentado agora con toda a súa dirección. "Tense posto alguén en contacto con vosté para que se cale ou para que non fale?", perguntoulle o xornalista Marcos San Luís. "Ameazáronme. A min e a ao meu avogado. Dicéndome que son novo, que teño fillos, que teño muller. Estou ameazado. Eu, a miña muller, os meus fillos, o meu avogado". "Que o ameazou"? "As voces que ameazan non as coñecemos", respondeu.

Comentarios