Feijóo prima os intereses partidistas ás necesidades da Galiza

O presidente da Xunta apoiou co seu voto o recorte no défice malia que anunciara absterse na votación.

A pasada quinta o goberno español exixiu no Consello de Política Fiscal e Finanzas unha redución do défice autonómico ao 0,7% para o ano 2013. O Presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, apoiou co seu voto os mandatos de Madrid que non son máis que as exixencias de Bruxelas.

Malia que nun primeiro momento anunciara a súa abstención na votación, Núñez Feijóo antepuxo finalmente o seguidismo partidario aos intereses da Galiza, algo que para o candidato do BNG á Xunta de Galiza, "resulta patético". Francisco Jorquera, preguntouse como pode o goberno galego aceptar o devandito recorte se "a saúde das finanzas da Xunta é tan boa", como predicaba o presidente. 

Así mesmo, o candidato nacionalista considerou que o cambio do voto galego responde á incapacidade de Feijóo para "resistir ás presións de Rajoy" e alertou que este brutal recorte se vai traducir "en menos gasto na sanidade e no ensino", servizos que segundo Jorquera, o "PP ambiciona privatizar". 

Guillerme Vázquez insta ao goberno español a convocar un referendo ou adiantar as eleccións ante os recortes

“Os votantes do PP non votaron isto”, sinalou o portavoz nacional do BNG, quen remarcou que en boa lóxica democrática o Goberno Rajoy é desde onte un goberno ilexítimo. “Isto só ten unha saída: a de devolver a voz ao pobo. Ou referendo ou eleccións anticipadas”, afirmou.

Guillerme Vázquez tildou o que denomina "recortazo" de “salvaxe”, “suicida” e “profundamente inmoral”. “É profundamente inmoral porque fai recaír o peso da crise no pobo, mentres os ricos se volven saír de rositas. Este Goberno tan valente -ironizou- non toca os ricos”.

Negou que fose certa a argumentación de Rajoy de que neste momento o Estado non ten máis opción que a de endebedarse nos mercados internacionais. “Non é certo que non haxa recursos económicos no Estado. O problema é que non se recadan porque os ricos literalmente non pagan impostos. Reforma Fiscal progresiva xa!”, dixo.

Perguntouse que aplaudía a bancada do PP onte no Parlamento. “Aplaudía a suba do IVE? A redución das prestacións de desemprego? Aplaudía a supresión dunha paga para máis de dous millóns de empregados públicos?”, inquiriu o portavoz nacional.

Comentarios