Con independencia dos resultados electorais

Guillerme Vázquez aposta nunha organización política autoorganizada cos pés na terra

O ex portavoz nacional do BNG Guillerme Vázquez ve necesarias organizacións políticas “propias” cos “pés” na Galiza, sexan cales sexan os resultados electorais.

Guillerme Vázquez teno claro. Para el, o nacionalismo “ten que seguir existindo”. “Eu optarei sempre por unha organización política autoorganizada, cos pés na terra, e desde logo, independentemente dos resultados electorais”, sinalou, preguntado polos medios antes de se iniciar a manifestación contra a ilegalización de Causa Galiza.

“Como dicía Arsenio: es difícil hombre, es difícil”, exclamou o ex dirixente nacionalista preguntado pola situación do BNG. Guillerme Vázquez insistiu en que malia os resultados electorais que poidan ter lugar, cre nas ideas e aposta nelas. Puxo como exemplo o momento en que se presentou por vez primeira nunha candidatura do Bloque, “no meu concello, en Pontevedra, o BNG non tiña ningún concelleiro”.

“Eu, desde logo, seguirei apostando en que Galiza é unha nación, no dereito a decidir, na soberanía e na necesidade de organizacións políticas propias”, concluíu, antes de salientar que “por suposto, respectando todo o que queiran facer os demais, que a min me parece estupendo”.

Comentarios