Guerra interna no PSOE da Coruña e de Vigo entre graves acusacións de irregularidades

O precandidato Pedro Armas renuncia após acusar a Mar Barcón de afiliacións masivas para gañar as primarias mentres que un sector crítico quere que se investiguen os posíbeis casos de enchufismo de Caballero.

Abel Caballero alcalde de Vigo
photo_camera Abel Caballero alcalde de Vigo

Seguen os problemas no PSOE. Reedítanse agora a nivel local, onde o horizonte de primarias para escoller candidat@s aumenta as divisións, que alcanzan niveis de guerra interna nas dúas cidades máis importantes de Galiza: A Coruña e Vigo.

Na primeira, Pedro Armas anunciou a súa renuncia a presentarse ás primarias, xa que considera que “as cartas están marcadas” logo de acusar de irregularidades á voceira local do PSOE, Mar Barcón, da que afirma que inflou o censo de afiliación para asegurarse o triunfo. “O aparato actúa con alevosía para controlar o resultado”, di Armas, nunha opinión que comparten outros moitos representantes do partido na cidade.

En Vigo chégase pedir que se impida que volvan presentarse quen actuara con fórmulas de enchufismo, en clara referencia a Caballero e Silva

Pola súa parte, en Vigo -onde as desavenencias dentro do PSOE son históricas- o sector coñecido como Alternativa Socialista, crítico coa xestión do actual alcalde vigués, Abel Caballero, reclamou á dirección autonómica do seu partido que investigue e aclare "as denuncias de enchufismo e corrupción" sobre o Concello olívico e que, en caso de demostrarse que son veraces, adopte medidas como impedir que @s responsábeis formen parte de listas electorais en próximos comicios.

Noutras cidades, as imputacións e as leas internas provocan moitas dúbidas sobre a identidade d@s candidat@s do PSOE, que segue sumido nunha fonda crise.

Comentarios