Parlamento

Os grupos políticos amosan o seu apoio á pesca ante os "vetos" de Bruxelas

O BNG e o PSdeG lembran á Xunta que non ten "carta branca".
Rosa Quintana, conselleira do Mar, na tribuna do Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rosa Quintana, conselleira do Mar, na tribuna do Parlamento. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza e os grupos parlamentarios con representación na Cámara galega —PP, BNG e PSdeG— cargaron esta terza feira contra os novos "ataques" de Bruxelas para a frota pesqueira galega, que, de saír adiante, suporían novas restricións e até "un golpe de graza" para o desenvolvemento desta actividade. Fronte a estes plans, houbo unanimidade ao expor a necesidade de facer unha "fronte común" para tentar frealos.

Mais esa unanimidade non implicou unha "carta branca" á Xunta. Así, Rosana Pérez (BNG) precisou que non van apoiar "a cegas" á Consellaría de Pesca, aínda que a súa postura "é clara" e de respaldo "con todo" ao sector pesqueiro galego. Patricia Otero (PSdeG) urxiu a Xunta a "pasar das palabras aos feitos" en apoio ao sector do arrastre logo de "moitos titulares pero poucas actuacións".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que a Xunta "vai actuar" e fará "un intenso labor propio" e tamén de "apoio" ao Goberno estatal na procura de aliados para facer "unha forte fronte común" ante as pretensións da Comisión Europea para a actividade pesqueira de fondo, en relación ao plan de acción que propón novas restricións no horizonte de 2030. "Estamos ante unha sorte de novo despotismo ilustrado. Todo para os pescadores, pero sen os pescadores", criticou Quintana.

"Boas novas"

Pola súa parte, fontes do sector pesqueiro afirmaban esta terza feira que "respiraban" após o Consello de Ministros de Pesca da UE. Desta reunión saíron "boas noticias", segundo admiten portavoces pesqueiros, e é que o comisario Virginijus Sinkevicius "quedou só". A frota pesqueira europea reiterou onte o seu chamamento ao Europarlamento para que se deteña o plan proposto pola Comisión Europea.

Marisqueo

Tamén en relación co sector do mar, o PP tombou esta terza no Parlamento unha iniciativa do BNG que reclamaba un protocolo de desaugadoiro e limpeza dos encoros galegos que evite a afectación á salinidade das rías e aos bancos marisqueiros. A deputada nacionalista Rosana Pérez denunciou o "trato de favor" do PP ás empresas eléctricas por permitir a apertura de comportas en período de marisqueo e autorizar as "verteduras tóxicas" da mina de San Finx á ría de Muros-Noia. O PP tamén rexeitou esta terza feira a moción socialista que reclamaba  cumprir os acordos para crear o Observatorio de Igualdade na pesca.

O Parlamento reclama dotar de máis recursos a saúde mental

"Desde 2020 duplicáronse os suicidios en menores de 15 anos e desde a pandemia multiplicáronse por tres as consultas de saúde mental en idades infantís e xuvenís". Con estes datos iniciou esta terza feira Julio Torrado (PSdeG) na Cámara a defensa da proposición non de lei que demandaba aumentar o volume de recursos humanos para a saúde mental do sistema sanitario público na Galiza.

Non era a única petición da proposición. "Constituír un grupo específico de traballo sobre suicidio en idades infanto–xuvenís na Galiza, coa participación de profesionais e membros da Administración sanitaria, que facilite o deseño de plans e protocolos de actuación así como de programas de prevención, e que conte cos recursos necesarios para conseguir o maior impacto posíbel", era outra das peticións.

"Pór solución"

Torrado lamentou que a Galiza teña "a peor ratio de todo o Estado español" en profesionais da saúde mental e reclamou "pór solución". A portavoz de sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, afirmou que "os galegos e galegas non temos garantido o dereito á saúde mental", incidindo en que esta é "unha das grandes esquecidas destes 14 anos do PP na Xunta".

"Este tema preocúpanos fondamente", dixo na súa intervención Marta Rodríguez-Vispo (PP), que defendeu o Plan de saúde mental 2020-2024 da Xunta. "Vostedes [en referencia á oposición] din que este Goberno non fai nada", dixo, e puxo o mencionado plan como exemplo de compromiso.

A proposición do PSdeG foi aprobada por unanimidade dos tres grupos, agás o punto cinco, que pedía crear un grupo específico de traballo sobre suicidio en idades infanto–xuvenís, e que non se aprobou ao ser rexeitado polo PP.

Reconstruír "á vez" os dous viarios da ponte da A-6

Por outra parte, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que pedía que se reconstruíse o derrubado viaduto do Castro, na A-6, "simultaneamente en ambos os dous sentidos". A proposición, presentada polo PP, pide ao Estado que proceda coa "máxima celeridade" a dar solución ao problema xerado após o colapso e o feche á circulación do viaduto do Castro, na A-6, "unha das principais vías de entrada e saída da Galiza á Meseta".

Exixe ao Goberno estatal que a reconstrución desta infraestrutura debe de se facer "en ambos os dous sentidos de modo simultáneo", e lembra que a comezos de febreiro o Ministerio de Transportes iniciou os traballos de demolición do tramo do viaduto do Castro dirección Madrid que aínda se mantiña en pé.

"Iniciáronse as obras de derrubamento da infraestrutura pero oito meses despois de que o viaduto colapsara aínda seguimos sen coñecer cas causas que provocaron a situación".  Luis Bará (BNG) criticou a xestión do Goberno estatal deste tema: "Non estivo á altura", dixo, mais tamén negou ao PP poder "dar leccións". Patricia Otero (PSdeG), pola súa parte, lembrou que foron Gobernos do Estado do PP "os que fixeron as obras do viaduto".

Comentarios