Os grupos parlamentares presentan as súas propostas, 100 no caso do BNG

O grupo parlamentar nacionalista reaxe contra as limitacións impostas e presenta o duplo de iniciativas das permitidas. "Galiza ten máis de 50 problemas", din. Todas as forzas da oposición visan achegar unha "alternativa" de goberno ao PP. 

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

BNG, AGE, PSdeG e PP presentaton esta cuarta feira as súas propostas de resolución que serán debatidas en sesión plenaria. O grupo parlamentar do BNG rachou coas restricións impostas en Xunta de portavoces por PP e AGE e levará á Cámara 100 iniciativas. "Galiza ten máis de 50 problemas" afirmou a deputada Ana Pontón "e nós temos máis de 50 solucións". 

@s nacionalistas instarán a Xunta a frear o proceso de venda de Nova Galicia Banco para iniciar a súa conversión nunha entidade financeira pública. Asemade, propoñen unha reforma fiscal "máis progresiva" que grave "as rendas máis altas", as grandes superficies e as grandes empresas fronte a proposta anunciada polo presidente no debate sobre o estado da nación, coa que din, o PP só "quere tapar a medida regresiva" que supón a suba dos carburantes. 

Pola súa banda, desde AGE presentarán unha proposta de resolución --anunciou Yolanda Díaz-- para a supresión do denominado "céntimo sanitario" ao entenderen que procura "gravar a cidadanía con impostos indirectos". Aliás, a coligación electoral súmase á iniciativa do Bloque e proporá a parálise da venda de NGB e a "construción dunha banca pública". En troca, desde o PSdeG defenden a venda da entidade mais a súa territorialización en Galiza. Asemade, Méndez Romeu anunciou que a súa formación elevará unha proposta de resolución que poña fin aos re-pagamentos farmacéuticos. 

Unha renda básica e despexos
BNG e AGE presentarán senllas propostas de resolución encamiñadas á creación dunha renda de garantía social ou básica destinada a "garantir recursos económicos a quen careza deles", sinalou Ana Pontón, á que engaden @s nacionalistas unha "prestación complementaria" dirixida ao aloxamento. 

Neste senso, @s nacionalistas exixirán a paralización "inmediata" dos expedientes de desafiuzamento en curso e a aprobación da "dación en pagamento" cando o "debedor actou de boa fe" e constitúe a primeira residencia.

Completan a batería de propostas presentadas polos grupos parlamentares a demanda dunha tarifa eléctrica galega; un novo modelo de financiamento para Galiza e o freo do re-pagamento nos fármacos de prescrición hospitalaria, xunto á retirada da LOMCE e do decreto do plurilingüismo, o reintegro dos seus aforros ás persoas estafadas polo calote das preferentes ou a defensa dos dereitos reprodutivos das mulleres, entre outras. 

Ditadura franquista e Resistencia Galega
Pola súa banda o PP centrará as súas propostas na presentación dunha iniciativa de resolución que visa a "condena explícita do terrorismo", indicou o vice-voceiro do grupo, Román Rodríguez. Asemade, proporán a reprobación daqueles representantes públicos que "xustifiquen os crimes e asasinatos durante o franquismo". 

@s populares --que rexeitaron en múltiples ocasións a reprobación dos seus cargos públicos por estes motivos-- abandeirarán esta quinta feira unha proposta mil veces negada á oposición. 

Tamén así, desde o partido maioritaria presentarán unha proposta para a redución do número de representantes na Cámara galega, unha iniciativa defendida polo Partido Popular desde 2012. 

Comentarios