O grupo parlamentar de En Marea viu suficientes as desculpas de Quinteiro

O grupo parlamentar de En Marea abordou esta cuarta feira, nunha longa reunión, o asunto Paula Quinteiro. Segundo as fontes consultadas por Sermos, en nengún momento estivo sobre a mesa a hipótese de lle demandar a demisión á parlamentar, envolvida nun incidente coa policía local de Compostela.

Grupo parlamentar En Marea. 29 de setembro de 2016
photo_camera Foto de familia do grupo de En Marea, realizada en setembro de 2016

As fontes consultadas por Sermos indican que na reunión se adoptou, por consenso, o acordo de lle pedir a Quinteiro que saíse en público a oferecer as súas desculpas e a condenar os actos vandálicos. Foi o que fixo a parlamentar de Podemos-Anticapitalistas. "Damos por boa esa petición de desculpas", dixo esta quinta feira Eva Solla, vicepresidenta segunda da Cámara e coordenadora nacional de Esquerda Unida.

A surpresa para as e os integrantes do grupo parlamentar foi total cando coñeceron a noticia de que esa mesma cuarta feira a coordenadora de En Marea -órgao liderado por Luís Villares, portavoz tamén no Pazo do Hórreo- daba traslado ao Consello das Mareas da petición de demisión de Paula Quinteiro.

"A demisión nunca estivo sobre a mesa [do grupo parlamentar]. Sería un castigo totalmente desproporcionado. A petición de desculpas e a condena dos actos vandálicos é o que compría facer e é o que fixo Paula [Quinteiro]", din as fontes do grupo parlamentar de En Marea a Sermos.

Todo está agora pendente do que poda decidir ao respeito o Consello das Mareas, máximo órgao da confluencia entre plenarios. Reúnese a partir das 18 horas. Decidir o que decidir, a líder de Podemos na Galiza, Carmen Santos, quen mostrou o seu apoio a Quinteiro "como compañeira e como persoa", afirmou esta quinta feira que a decisión sobre se demite ou non lle corresponde en exclusiva á deputada.


 

Comentarios