O grupo parlamentar ignora o acordo do Consello e resolve que Quinteiro continuará no Pazo do Hórreo

Acordo do grupo parlamentar de En Marea após unha maratoniana reunión que se prolongou por espazo de máis de 8 horas. As parlamentares negan lexitimidade ao acordo adoptado a pasada sexta feira polo Consello das Mareas -o órgao reclamou a demisión de Quinteiro- e piden un novo expediente informativo. Mais esclarecen que con independencia dos resultados dese procedimento, Quinteiro continuará no Parlamento.

Paula Quinteiro. Deputada de En Marea. Anticapitalistas. 6 de febreiro de 2017
photo_camera Paula Quinteiro

A maior crise de En Marea desde que existe viveu esta segunda feira un dos seus episodios máis tensos. Unha maratoniana reunión do seu grupo parlamentar, por espazo de máis de 8 horas, resultou na redacción dun acordo de catro pontos sen que ninguén comparecese perante os meios para oferecer declaracións. Optouse polo envío á imprensa dun comunicado. Continúa por tanto o longo silencio de Luís Villares.

O acordo foi previamente submetido a votación. 11 parlamentares déronlle o seu voto. Tres abstivéronse. Segundo as fontes consultadas pola SER foron Luís Villares, Paula Vázquez Verao (Cerna) e Davide Rodríguez (sector crítico de Anova).

No comunicado remitido á imprensa, o grupo parlamentar enfatiza que "a situación en que se viu envolta Paula Quinteiro" foi instrumentalizada polo PP "para atacala persoalmente e ao grupo parlamentar".

O grupo parlamentar de En Marea rebaixa o acordo do Consello das Mareas -máximo órgao da confluencia- da pasada sexta feira ao afirmar que "tal e como se produciu" foi un "declaración política que non ten consecuencias directas". E iso porque non se seguiu o "procedimento regulado".

Para activar ese procedimento regulado, Quinteiro "vai demandar a apertura dun expediente informativo"" ao máximo órgao da confluencia "no que se informe de todos os elementos que concorren neste caso". Esta demanda, explicita o comunicado, "conta co apoio do GP de EM".

En todo caso, a continuidade de Quinteiro no grupo non vai depender da resolución dese procedimento, afirma o grupo parlamentar nun claro desafío á lexitimidade do Consello das Mareas para ordenar o funcionamento da confluencia na institución parlamentar: "Con independencia do resultado deste procedimento, o grupo parlamentar considera que Paula Quinteiro debe seguir desenvolvendo as súas funcións como parlamentar de En Marea, tal e como xa afirmou en anteriores ocasións o Grupo Parlamentar".

A delicada situación de Villares

Este acordo coloca Villares nunha posición moi comprometida. Primeiro revela que está en minoría no Pazo do Hórreo -el e Paula Vázquez Verao defenderon desde o principio a renuncia de Quinteiro- e segundo pono agora nunha situación enormemente desairada como líder orgánico da confluencia perante un pronunciamento explícito do grupo parlamentar -do que el fai parte- en que se nega a efeitos prácticos a potestade do máximo órgao de En Marea para tomar decisións sobre as e os seus deputados na institución máis representativa do país.

Noticia actualizada ás 9 horas do 27M.

Comentarios