Cinco edís do PSdeG desmárcanse dunha coalición co PP en Ourense

Cinco concelleiros enviaron unha carta a Gonzalo Caballero para amosar o seu malestar coas declaracións do seu portavoz, Rafael Rodríguez Villarino.
Concelleiros do PSdeG de Ourense nunha imaxe de arquivo
photo_camera Concelleiros do PSdeG de Ourense nunha imaxe de arquivo

O cisma no Concello de Ourense parece que non vai quedar só entre PP e Democracia Ourensana. Cinco concelleiros do PSdeG-PSOE, Natalia González, Concepción García, Wilson D. Jones, Borja López e Juana Mª Ageitos, tiveron que saír hoxe ao paso das declaracións do seu portavoz, Rafael Rodríguez Villarino, nas que deixaba a porta aberta a unha coalición de goberno entre socialistas e populares na cidade das burgas.

Como explican os concelleiros nunha carta asinada e dirixida ao secretario xeral, Gonzalo Caballero, "en ningún momento se debateu nunha reunión previa do grupo municipal a posibilidade de suxerir ese posíbel Goberno", como tampouco trataron elevar dita opción a órganos superiores dentro da formación.

Segundo relatan, os cinco conselleiros descoñecían as intencións de Villarino e pensaban que a rolda de prensa que convocara o portavoz para a mañá deste sábado sería só para cargar contra o distanciamento entre os dous partidos que sustentan a Alcaldía por mor dunha crise agravada por presuntas irregularidades no financiamento de Democracia Ourensana. 

Na súa misiva ao líder dos socialistas galegos deixan claro tamen o rexeitamento "total e absoluto" á oferta de Villarino.

Comentarios