Parlamento

O Grupo Común da Esquerda rexeita a lei de demografía

Critica que se centra no "natalismo" e que "culpabiliza as mulleres"
As deputadas do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro e Luca Chao (Arxina).
photo_camera As deputadas do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro e Luca Chao (Arxina).

O Grupo Común da Esquerda anunciou onte que presentará unha emenda á totalidade do proxecto de lei de demografía que o Goberno galego preparou para ser ratificado no Parlamento da Galiza.

A súa portavoz Luca Chao salientou que o texto da norma “afonda no ideario rancio do Partido Popular” e nun “modelo caduco” que “só se centra no natalismo” e, polo tanto, “culpabiliza as mulleres que se negan a ter o número de fillos que en teoría deberan ter” por contar cunha “obsesión co rol social das mulleres como nais e coidadoras e coa familia tradicional e numerosa”. “A aplicación de políticas natalistas non vai solucionar os problemas demográficos do país”, engadiu.

“O PP segue sinalando as mulleres como principais responsábeis do problema demográfico da Galiza”, sostivo Chao, quen denunciou a “visión machista” dunha lei que, segundo trasladou, se basea en "recompilar medidas que xa estaban postas en marcha ou anunciadas" e que “carece de orzamentos asociados, e polo tanto, compromiso real".

Chao, que cualificou a lei de demografía de “fume e propaganda”, abundou en que é “a consecuencia do fracaso das políticas do PP durante os últimos anos”.

Nesta liña, a deputada Paula Quinteiro sinalou que a Xunta debería poner o foco nas políticas públicas que “teñen que ver coa situación material das persoas e poden dar resposta aos problemas reais, que explican a situación demográfica do país: a pobreza, a inestabilidade laboral e a precariedade”.

Quinteiro incidiu en que o Grupo Común da Esquerda rexistrará, na Cámara galega, unha “emenda de devolución” porque este proxecto de lei non “racha” cos “estereotipos de xénero” e tamén supón “a perpetuación da asociación histórica dos coidados coas mulleres”.

Así, a deputada lamentou a “falta de aposta por permisos iguais e intransferíbeis entre maternidade e paternidade, e os conseguintes problemas de conciliación, ou o esquecemento de modelos de familia distintos do nuclear, obviando modelos como o monomarental, que debera ter unha lexislación propia na Galiza”.

Da mesma maneira, Paula Quinteiro criticou as "políticas fracasadas" da Xunta en "dependencia", pois "en dez anos non se creou ningunha praza de residencia 100% pública".

Comentarios