Chao di que Feixoo "pecou de soberbia" en Verín

O Grupo Común da Esquerda prioriza as propostas a prol da igualdade

A portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, e a deputada Paula Quinteiro centraron onte na "igualdade", ou máis ben, nas súas palabras, "nas múltiples desigualdades que sofremos as mulleres" o seu balance da actividade no Parlamento da Galiza do seu grupo neste 2019.
Paula Quinteiro e Luca Chao no Parlamento.
photo_camera Paula Quinteiro e Luca Chao no Parlamento (Europa Press)

O feche do paritorio de Verín foi o asunto máis destacado para Chao neste senso, quen salientou que o presidente da Xunta "pecou de soberbia" e a quen lle pediu o "cese inmediato" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

"A vontade política explícase a través dos orzamentos, non dos titulares", recriminou Chao para engadir que houbo "un recorte de máis de 270 millóns de euros en Sanidade" co Goberno de Feixoo.

"Os dereitos das mulleres seguen sen ser unha prioridade. A fenda salarial é máis alta na Galiza que no conxunto do Estado e os expertos calcula que precisaremos 615 anos para rematar con ela", criticou.

A deputada Paula Quinteiro engadiu que haberá un "orzamento realista" da Xunta "cando polo menos un 1% do total se dedique a políticas a prol da igualdade".

O Grupo Común da Esquerda configurouse ao rachar o anterior de En Marea e nel ficaron os deputados e deputadas de Podemos, Esquerda Unida, Anova e independentes. Sobre este feito, Luca Chao indicou que coa ruptura demostrouse que había "dous proxectos políticos" diferenciados e, pese a recoñecer que este ano foi "difícil" para o seu espazo político, celebrou a "consolidación" do seu proxecto.

"O noso compromiso como grupo á esquerda do PSOE é o inicial: traer ao Parlamento as cuestións que a sociedade civil organizada nos demanda. E demostrar que hai alternativa aos recortes de Feixoo", dixo.

A portavoz non entrou a valorar se hai negociacións no seu espazo político de cara ás autonómicas. Porén, Chao sostivo que o diálogo con Anova "nunca se rompeu" nestes anos.

Comentarios