Grupo Común da Esquerda demanda que se reactive a comisión sobre as caixas

Pide que se abra un novo período de comparecencias e que se reitere a petición a Abanca e FROB para que entreguen a información que se negaron a dar no seu día.

anton sánchez grupo común da esquerda
photo_camera Antón Sánchez

Grupo Común da Esquerda pide que se reactive a comisión parlamentar de investigación sobre as caixas de aforro, unha demanda que ten por obxectivo, sinalou o deputado Antón Sánchez, “que se esclareza  perante a cidadanía” o que pasou con Novacaixagalicia. A entidade resultante da fusión das caixas non foi considerara “sistémica”, indica GCE, e non se mantivo como “entidade pública”, o que levou a acelerar a súa venda.

A través dun escrito, o Grupo Común da Esquerda  solicita que se active dita comisión, que se solicite información adicional, se reitere a petición de información que “Abanca e FROB se negaron a entregar” e, por último, que se abra un novo período de comparecencias “para complementar a información necesaria para un bo diagnóstico do acontecido”.
"Na lexislatura anterior, e despois de que remataran precipitadamente as comparecencias co pretexto da urxencia para tirar conclusións, o PP mandou a Comisión á neveira durante os tres anos seguintes, rematando así os 4 anos de lexislatura sen conclusións pero si co resultante da fusión das Caixas privatizado a prezo de ganga", explicou Antón Sánchez.

Durante o Goberno de Feixoo privatizouse 40% do aforro galego, denuncia o parlamentar, “entregándoo a un banco venezolano a un prezo moi baixo despois de sanear con máis de 9.000 millóns de euros a entidade resultante da fusión promovida polo propio Goberno da Xunta”.

Comentarios