Gravan a reunión da coordenadora nacional de Anova

Algún membro da dirección de Anova gravou a reunión en que se discutiu a expulsión de militantes de Redondela. E despois fíxoa circular polas redes.

Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega

Fragmentos das intervencións de Beiras e do deputado Antón Sánchez foron gravados por algunha das persoas integrantes da dirección de Anova, no que constitúe unha práctica pouco ou nada compatíbel cos principios de ética política que esa organización política proclama.

A gravación rulou polas redes e nela se expresa con crueza a crise que atravesa a formación de Beiras, agravada nas últimas datas pola expulsión de militantes de Redondela e pola xestión da crise do escano abandonado por David Calviño, ocupado agora, de forma polémica, pola integrante de Esquerda Unida Carme Iglesias Sueiro.

A crise é produto das tensións que existen, cada día máis virulentas, entre o sector liderado por Mario López Rico e Luís Eyré e o capitaneado por Martiño Noriega e Antón Sánchez. Aquel é máis refractario do que este a acelerar a converxencia con Esquerda Unida.

En todo caso, o episodio fai inevitábel a formulación de tres perguntas. Primeira, é unha práctica habitual dentro de Anova que se graven as reunións da súa dirección? Segunda, quen realizou esa gravación? Terceira, con que obxecto a filtrou nas redes sociais?

Sermos Galiza tivo acceso a esas gravacións e optou por non recoller entre aspas as declaracións realizadas por ningunha das persoas que nelas se manifestan. 

Comentarios