Sanmartín busca "aglutinar" o voto de esquerda nas municipais e ve o Goberno de Bugallo "esgotado"

A portavoz nacionalista en Compostela razoa que "non vai haber maiorías absolutas" na cidade, polo que confía nun Goberno con diferentes grupos "liderado polo BNG", que ofreza "consenso e diálogo".
Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario)

A portavoz do BNG de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, asegura que vai "a por todas" para ser alcaldesa da capital galega e buscará "aglutinar todo o voto de descontento da esquerda" de Santiago, xa que considera que o Goberno de Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) está "absolutamente esgotado".

Nun almorzo informativo, a candidata a alcaldesa avanzou que dará a coñecer en febreiro a primeira parte da lista do Bloque ás municipais, onde se xuntarán rostros novos con xente con experiencia e "capacidade de xestión".

Así, Sanmartín levará a cabo encontros con diferentes colectivos veciñais e asociacións para coñecer as súas reivindicacións. Igualmente, chama a cidadanía a pórse en contacto co BNG para trasladar as súas peticións.

De tal forma, afirma que se atopa nun "momento moi emocionante" para que se produza un cambio a partir das eleccións de maio, co que se sitúe a Santiago na “vangarda" e se axilice a "maquinaria" do Concello.

Aquí, apunta á importancia de que o tecido produtivo "se diversifique" da man da innovación e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Considera que a capital do país necesita "un salto", cun "reequilibrio" entre a cidade e o rural que termine cunha "discriminación histórica", para o que pon de referente a seguir os municipios con "marca BNG".

Aposta por que a xente "non estea resignada", pois cre que "un dos grandes erros do PSdeG" foi non avogar pola "participación" e "esquecer o pulso da cidadanía".

Perspectivas electorais

"Temos perspectivas moi boas", sentencia Sanmartín, quen expón que nos últimos comicios ao Congreso e Parlamento galego os mellores resultados do Bloque nas cidades producíronse en Santiago, con apoios próximos a 30%.

Respecto diso, augura que "2023 vai ser o ano do BNG en Compostela", o que contrapón cun Goberno de Bugallo "sen ideas", "dividido" e con falta de ambición para reformas pendentes como un cambio na mobilidade, humanización, loita contra o cambio climático e rehabilitación do centro histórico.

"Bugallo perdeu credebilidade"

Nas súas críticas ao alcalde, Goretti Sanmartín sostén que Bugallo "perdeu toda a súa credibilidade" debido ao episodio relacionado coa dimisión do edil socialista Javier Fernández, unido a "vender fume" sobre investimentos do Consorcio dos que non hai "nada".

A portavoz nacionalista en Compostela razoa que "non vai haber maiorías absolutas" na cidade, polo que confía nun Goberno con diferentes grupos "liderado polo BNG", que ofreza "consenso e diálogo".

Comentarios