Avia Veira será a número dous do Bloque para o Pazo de María Pita

Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera, eleitos candidatos ás alcadías de Compostela e A Coruña

Consenso nos órgaos de dirección do BNG en Compostela e A Coruña. Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera teñen todo o respaldo para seren os cartaces do Bloque nas municipais de maio de 2019. As súas candidaturas vanse submeter esta sexta feira á consideración das asembleas locais respectivas (20 horas). Todo indica que obterán o seu apoio.

 

 

Goretti Sanmartín e Xosé Mexuto
photo_camera Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) é coordenadora da Executiva do BNG -en termos políticos a súa número dous-, concelleira en Santiago e vicepresidenta da Deputación da Coruña, alén de ser -na súa condición de filóloga e escritora- membro correspondente da Real Academia Galega. Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), licenciado en Xeografía e Historia, é o presidente da Fundación Galiza Sempre, foi coordenador executivo do BNG e portavoz da formación nacionalista no Senado, no Congreso e no Parlamento de Galiza, neste último caso após asumir a candidatura do Bloque á presidencia da Xunta en outubro de 2012.

Dado o consenso que suscitan os seus nomes quer nas bases quer na dirección do BNG, Sanmartín e Jorquera perfílanse como os cartaces da formación nacionalista para 2019 en Compostela e A Coruña, respectivamente. Na capital da Galiza, a vicepresidenta da Deputación da Coruña sucedería como número un a Rubén Cela após este ter renunciado a se voltar a candidatar por motivos estritamente persoais. Por súa parte, o presidente da Fundación Galiza Sempre tomaría o relevo de Avia Veira -que é a proposta, tamén de consenso, para asumir o número dous da lista- e estrearíase nunha area, a local, até agora inédita no seu dilatado currículo.


Son candidaturas de grande peso político e mostran que o Bloque "vai a por todas" nas municipais, segundo enfatizan as fontes nacionalistas consultadas por Sermos. "Son figuras de moito relevo no nacionalismo galego. O acordo arredor delas é absoluto", acrecentan. O que farán as asembleas locais de Compostela e A Coruña esta sexta feira é dar a luz verde ás cabezas de lista. A composición do resto das listas fica para máis adiante.

No BNG reina un contido optimismo. A organización está a rexistar altas e a impresión xeral que ten a dirección é que a sociedade galega fai unha avaliación positiva da xestión dos "concellos nacionalistas". O BNG, aliás, apresenta neste momento o aspecto dunha formación compacta e cohesionada, cunha líder, Ana Pontón, que cotiza á alza nos inquéritos. Todo iso contrastaría co estado en que se achan o PP -atinxido polos escándalos de corrupción e co liderado estatal no ar- e En Marea -fortemente abalada por unha crise interna que está moi lonxe de estar resolvida. O PSOE é outra historia. En Rodríguez de Viguri asúmese que a tendencia da formación socialista na Galiza é alcista, como sempre ocorre cando os ventos que sopran de Madrid son favorábeis para este partido.

As municipais 2019 chegan, alén do máis, nun momento politicamente crucial, apenas a un ano de distancia das galegas. Serán un test da resistencia do PP e da capacidade da oposición para artellar unha alternativa.

Vigo e Ourense, as incógnitas

No resto das cidades galegas, Miguel Anxo Fernández Lores, Rubén Arroxo e Iván Rivas repetirán á frente das candidaturas do BNG en Pontevedra, Lugo e Ferrol. A incógnita está en Vigo e Ourense, en proceso aínda de debate. O mandato do Consello Nacional ás organizacións locais é que escollan cabeza de lista antes do Día da Patria Galega.

Noticia actualizada ás 18:08 horas

Comentarios