A CTNL APLAUDE AS MEDIDAS

Goretti Sanmartín anuncia o impulso dos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos

A vicepresidenta da Deputación da Coruña anunciou a creación, reforzamento e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, unha aposta na que acredita o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, quen salienta que o anuncio da deputada do Bloque debería ampliarse ás outras deputacións.

Goretti Sanmartín
photo_camera Goretti Sanmartín

No marco dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega a pasada sexta feira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, apostou en recuperar o papel fundamental da Deputación da Coruña na “creación, no reforzo e no mantemento” dos Servizos de Normalización Lingüística.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña destacou que en 2011 dos 69 concellos galegos con Servizo de Normalización Lingüística, 47 correspondían á provincia da Coruña mais puxo tamén sobre a mesa que dos 600.000 € que o organismo destinaba á promoción da lingua nese ano acabou por pasarse aos 179.000 do orzamento de 2015.

Neste contexto, a deputada do BNG anunciou que  co novo goberno da Deputación os concellos actuarán como “axente normalizador de primeiro grao” na normalización lingüística. Para iso, advertiu de que haberá que incrementar tanto o persoal como o orzamento, así como impulsar programas de dinamización sociolingüística.

Neste sentido, Goretti Sanmartín anunciou a creación dunhas novas bases para subvencións plurianuais aos concellos co fin de “estabilizar o servizo e dignificar o perfil laboral dos técnicos e técnicas de normalización”. Tamén deu conta da creación de subvencións a proxectos singulares de normalización lingüística, da recuperación do Premio Rosalía de Castro e da conmemoración do centenario das Irmandades da Fala no ano que vén.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) aplaude o anuncio de Goretti Sanmartín e pide que o resto de deputacións tomen exemplo

Preguntado por Sermos Galiza ao respecto, Nel Vidal, presidente dos Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CNTL) pon de manifesto que “temos un ideal sobre como hai que facer as cousas respecto á lingua galega, mais ás veces eses ideais alóxanse da realidade polas escasas posibilidades. O que anunciou Goretti Sanmartín aproxímase moito ao ideal de política lingüística que cremos que hai que desenvolver”.

Neste sentido, Nel Vidal, que salienta que a valoración “non pode ser máis positiva”, afirma en declaracións a Sermos Galiza que o resto das deputacións “deberían tomar exemplo do anunciado pola Deputación da Coruña e deberían apostar nas mesmas medidas que Goretti Sanmartín anunciou”.

Comentarios