Gonzalo Caballero lanza a súa candidatura á Xunta, mais continúa a adiar a súa aterraxe no Hórreo

A decisión da dirección do PSdeG de facer coincidir as primarias coa escolla das candidaturas nas cidades, referendada por Ferraz, non estivo exenta de críticas no interior do partido. Quen as verbalizou fóra, no seu Facebook, foi o parlamentar Juan Díaz Villoslada, dirixente próximo a Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e líder do partido nesa provincia. En todo caso, nada indica que desde a contorna de Formoso, crítico con Caballero, se vaia promover unha candidatura alternativa.

Gzalo
photo_camera Caballero nun acto público con Nadia Calviño, ministra de Economía

O prazo de inscrición de precandidaturas ás primarias para a elección do candidato ou candidata do PSdeG á presidencia da Xunta conclúe esta terza feira ás 19 horas. O máis probábel é que só se apresente Gonzalo Caballero, quen formalizou a súa opción esta segunda feira. Os indicios de que se dispón neste momento permiten afirmar que o sector liderado por Valentín González Formoso opta por non dar a batalla, nomeadamente após Ferraz ter referendado o movimento orgánico de Caballero.

Caballero dá así un paso practicamente decisivo para a consolidación da súa lideranza, mais continúa sen pór data á súa incorporación ao Pazo do Hórreo. Segundo puido saber Sermos, desde hai meses dirixentes próximos a González Formoso presionan Caballero para que aterre no Parlamento de Galiza (para iso sería precisa a demisión dun deputado eleito pola provincia de Pontevedra e o corrimento desta lista), sen obter ningún compromiso do secretario xeral ao respeito. Esta segunda feira, e interpelado ao respeito pola imprensa, o virtual candidato do PSdeG á presidencia da Xunta voltou a mostrar a súa falta de entusiasmo por relevar Xaquín Fernández Leiceaga —con quen pactou para derrotar Villoslada nas primarias internas á secretaría xeral da formación— á fronte do grupo parlamentar no Hórreo. "Non quero fechar prazos [para a súa incorporación] porque hai que deixar que as cousas se vaian desenvolvendo con normalidade, cando se dean as circunstancias para que quen é o secretario xeral, sendo tamén candidato se así o deciden os militantes, tome posesión [do escano]".

Sobre as críticas formuladas por Díaz Villoslada, Caballero apelou ao aval que recibiu de Madrid: "A Comisión Executiva Federal aprobou os calendarios porque é o órgao competente e non hai mellor forma de dar participación e liberdade que abrir as ventás e deixar que os militantes falen nas urnas".

Canto ao proxecto que apresenta a estas primarias, indicou que a súa pretensión é facer un "PSdeG forte" e "capaz de liderar unha alternativa fronte ao PP e fronte a Feixoo". Caballero vendeu optimismo. Tal e como el o ve, "o PP sabe que non está en situación de referendar as maiorías absolutas que tivo Feixoo en tres ocasións".

Comentarios