Os socialistas lamentan o "continuísmo"

Gonzalo Caballero ve nos cambios de Feixoo o "recoñecemento do fracaso"

Recollemos o comunicado do Partido Socialista da Galiza (PSdeG), onde o seu líder valora os nomeamentos e os cambios realizados na executiva da Xunta.
andresfragaEuropaPress_3232527_candidato_psdeg_presidencia_xunta_gonzalo_caballero_llegada_sede_partido
photo_camera Imaxe de arquivo de Gonzalo Caballero. / Andrés Fraga

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considera que as substitucións nas carteiras de Sanidade e Educación son o "recoñecemento do fracaso" por parte do presidente galego, Alberte Núñez Feixoo, nas competencias "principais" da Administración.

Nun comunicado emitido após coñecerse a composición do novo goberno que acompañará a Feixoo, do que saen os até agora conselleiros de Educación e Sanidade, o líder dos socialistas considera que os cambios "non poden limitarse ás caras" senón que teñen que supor "novas políticas" para conformar servizos públicos "fortes".

Neste sentido, empraza ao novo equipo que dirixirá Educación, que volve asumir Román Rodríguez nunha carteira unida ás competencias en Cultura, a elaborar unha planificación que permita arrincar o curso escolar "con garantías".

Así mesmo, os socialistas galegos interpretan a creación dunha Vicepresidencia Económica como unha "perda de peso" do até agora único vicepresidente, Alfonso Rueda. Para Caballero, a decisión de Feixoo reflicte "o fracaso" de Rueda na coordinación ao longo desta crise.

Así as cousas, lamentou que o presidente opte por un "equipo continuador" no que repiten nove conselleiros en lugar de apostar por un "equipo con ideas, con impulso" para facer fronte ás consecuencias da pandemia.

Comentarios