Gonzalo Caballero resta importancia á presenza de dirixentes do PSdeG no goberno de Sánchez

Nunha entrevista na SER-Galiza, e á hora de especular sobre a conformación do primeiro goberno de Pedro Sánchez, citou espontaneamente varios ministrábeis -desde Josep Borrell a Carmen Calvo- mais omitiu o nome de Pilar Cancela, a ex presidenta da xestora do PSdeG, próxima a Sánchez e que tamén figura nas apostas para facer parte do novo goberno.

IMG_9676
photo_camera Caballero e Sánchez [Foto: PSOE]

A xuízo de Caballero, a chave está en que Sánchez faga un goberno progresista e non tanto na representación que poda acadar o PSdeG. Inquerido especificamente por Pilar Cancela -quen nas primarias do PSdeG non apostou nel como secretario xeral, senón polo parlamentar Juan Díaz Villoslada-, o líder do partido socialista na Galiza respondeu: "Non debo entrar en nomes, hai moitas quinielas, eu sei como está a cuestión, mais se poño nomes estaría a lle facer un mal favor ao partido", dixo. A seguir admitiu que "Pilar" [por Cancela] é unha boa opción, mais, sinalou, como "moitos outros" que poderían ocupar un ministerio.


En todo caso, el propio desbótase. A súa prioridade, como secretario xeral do PSdeG, é estar na Galiza e non facer parte do goberno español. Caballero tracexou un paralelismo entre o período 2004-2005 -anos en que alcanzaron a presidencia do goberno español e galego Zapatero e Touriño, respectivamente- co que irá ocorrer agora -Sánchez chega ao poder en 2018 e as eleccións galegas están axendadas para 2020. Nese sentido, agoirou a segura derrota de Feixóo, quer se vai a Madrid quer se fica na Galiza.


 

Comentarios